Batuta "made in" Ourense para dirixir a Real Filharmonía de Galicia

photo_camera O ourensán Pablo Devigo.
Pablo Devigo, natural de Castro Caldelas, debutará ao fronte da formación

A Real Filharmonía de Galicia ten como obxectivo, en tempos de pandemia, achegar a orquestra e a música clásica a toda a cidadanía. Así, ao longo desta temporada están previstas unha serie de actuacións gratuítas, tanto na sede da RFG como noutros espazos diferentes. Para dar a benvida ao público de Santiago de Compostela, como por razóns de seguridade sanitaria este ano a orquestra non pode ir aos barrios, convidará aos veciños do Concello  ao Auditorio de Galicia, a tres concertos que se celebrarán esta semana, os días 30 de setembro e 1 e 2 de outubro, ás 19:00 h. A batuta levaraa o mestre ourensán Pablo Devigo, no que será o seu debut coa RFG.

Recentemente nomeado director asistente da Carmel Symphony Orchestra (Estados Unidos) e do Teatro de Ópera e Ballet da Universidade de Indiana, Pablo Devigo é natural da localidade ourensá de Castro Caldelas. En novembro de 2019 foi asistente do mestre Paul Daniel e a Real Filharmonía de Galicia na estrea da ópera galega A amnesia de Clío de Fernando Buíde.

Graduouse en Composición e Dirección no Conservatorio Superior de Música do Principado de Asturias. En 2015 foi recoñecido cunha bolsa Fulbright para continuar os seus estudos de Dirección no Instituto de Música de Cleveland. Na actualidade está a rematar o doutoramento na Universidade de Indiana, especializándose en piano e clave.

Te puede interesar