Begoña Graña, gañadora do XVII Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración

Reunión do xurado do premio Pura e Dora Vázquez (sección de narración) na Sala de Xuntas da Deputación Ourense formado por: Patricia Torres Madureira (Deputada de cultura da Deputación Ourense), Luis Gulín Iglésias (Representante do PSdeGa-PSOE), Isabel Mociña González  (Representante do BNG), José Manuel Fernández López (Representante do PP), Xan Xosé Rodríguez González (Representante de Cidadáns) e Ana Malingre Rodríguez (Funcionara da Deputación Ourense) facendo as funcións de secretaria.
photo_camera Reunión do xurado do premio Pura e Dora Vázquez (sección de narración) na Sala de Xuntas da Deputación Ourense.
O xurado premia a obra "Adrán e a fábrica de xeo" polo seu "valor pedagóxico engadido"

Begoña Graña Suárez, médica do servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC), vén de gañar coa obra "Adrán e a fábrica de xeo" (presentada baixo o lema «Xío») o XVII Premio de literatura infantil e xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros e que convoca a Deputación de Ourense. 

O xurado, que se reuniu esta mañá no Pazo Provincial, destacou da obra premiada o seu propósito docente, “cun valor pedagóxico engadido ao ser capaz de propoñer xogos por medio de experimentos”. A obra abonda nas relacións interxeracionais, e que pon o foco en temas de actualidade, como o dos migrantes, dando así unha perspectiva intercultural, coa vida na aldea, que presenta como unha existencia en liberdade. 

O traballo gañador “ten unha perspectiva de divulgación científica, con grande diversidade textual, pois aparecen receitas e experimentos que ofrecen ademais unha oportunidade moi interesante de aprendizaxe, cunha linguaxe sinxela e que se presta moi ben a ser ilustrada”, sendo este un dos compoñentes importantes deste premio. 

O xurado estivo presidido pola deputada provincial de Cultura, Patricia Torres, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, Luis Gulín Iglesias, Isabel Mociño González, Xoán Xosé Rodríguez González e Rochi Nóvoa, actuando como secretaria Ana Malingre. 

A obra gañadora é a primeira publicación non científica que realiza Begoña Graña Suárez, quen desde 2014 traballa como médico especialista no servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, onde dedica unha relevante parte da súa actividade diaria á investigación. Premio extraordinario de doutorado da Universidade de Santiago en 2016, durante a súa formación clínica e investigadora, a doutora Graña traballou en prestixiosos centros internacionais de tratamento, estudo e investigación do cancro, ademais de participar en varios proxectos de investigación, publicar diversos artigos en revistas de ámbito internacional e difundir os resultados do seu labor en múltiples eventos e reunións autonómicas, nacionais e internacionais. 

Te puede interesar