ENTREVISTA

Bieito Romero: “Quen mandou neste traballo foi a paixón, por riba da cabeza"

bietos_result
photo_camera O músico Bieito Romero, fundador de Luar na Lubre.

O grupo folk galego Luar na Lubre  inicia a xira de presentación do seu ultimo traballo, "Extra Mundi", o próximo venres, día 11, no Teatro Principal de Ourense

O grupo folk galego Luar na Lubre  inicia a xira de presentación do seu ultimo traballo, "Extra Mundi", o próximo venres, día 11, no Teatro Principal de Ourense, ás 21,00 horas. Farao acompañado no directo pola Coral De Ruada. Bieito Romero é un dos fundadores desta banda que xurdiu xa fai tres décadas e que aínda ten un largo camiño por recorrer.

Como xorde a idea da estrea en Ourense?
Foi unha casualidade, non por nada especial. De calquera maneira para Luar na Lubre, Ourense sempre é un punto de partida interesante e para min, en particular, xa que a miña familia procede de Ourense, é algo moi emotivo. 

Por que a elección da Coral De Ruada para colaborar no disco?
Foi algo que se deu casualmente. A coral cumpría 92 anos, e nós había moito tempo que grabaramos un tema deles. Comentáronnos a posibilidade de regrabalo precisamente polo seu aniversario e pareceunos interesante. Fixémolo e o resultado penso que foi óptimo, moi bonito. Creo que é a primeira vez que se fai en Galicia unha grabación conxunta dun grupo de folk cunha coral. Así que pensamos que podía ser algo especial facer esta colaboración. Hai empatía e simpatía e iso traduciuse nestes catro temas nos que colaboran con nós neste novo disco.

Luar na Lubre introduce temas tradicionais doutras comunidades neste disco, como foi o proceso?
Foi un proceso moi normal, nada traumático, nin estudiado, nin macerado. Entendemos que era un bo momento para facer un disco destas características, no que, ademais, estabamos homenaxeando outras culturas irmás pero ao mesmo tempo distintas dentro da península, xa que nestes intres facemos actuacións sobre todo no exterior, no "Extra Mundi", de aí este título para o traballo. Era un bo momento para darlles as grazas. O disco está cantado en cinco idiomas peninsulares.

O 90 por cento dos concertos do grupo son fóra de Galicia, a que se debe esa situación?
Levamos percorridos nestes anos máis de 25 países e ofrecido mil concertos. No exterior quéresenos moito. Este tipo de música non só é querida, senón tamén requerida. Galicia e un lugar moi grande, pero tamén moi pequeno e con moitas limitacións, onde estamos vivindo un momento tráxico no mundo da música. Aquí non se contrata dende hai anos. Así que entre a desgraza do nivel de contratos que baixaron drásticamente, a desgraza de que a música está nun nomento tráxico, e, por outro lado, a fortuna de que o mundo non é soamente Galicia, fixeron que Luar na Lubre tivera todos estes anos moita saída cara o exterior.


Como se sobrevive durante tres décadas?
Con tenacidade, cunha proposta de claridade, non oportunista, xa que moitas veces a xente súmase a cousas coma estas baixo o paraugas do oportunismo. É unha aposta tenaz, dun traballo moi colectivo e nada individual. Está feito con moita sinceridade, o que a xente sempre entendeu.

Houbo un bum da música galega, prexudicou ou beneficiou?
Beneficia no senso de que se ti es capaz de sacar partido a ese beneficio momentáneo o pódelo converter nun beneficio atemporal. Houbo un bum pero non se fixo unha estructura axeitada para mantelo, e cando viñeron os momentos baixos, quen tivo que desaparecer, desapareceu.

Sen paixón e posible facer este traballo?
Sen paixón, a cabeza funciona mal, e sen cabeza, a paixón tamén. Pero en calquera caso ten que haber moita forza atrás para que se manteña o proxecto. Fundamentalmente quen mandou aquí foi a paixón, moi por enriba da cabeza, que a veces dicía non te metas aí. A paixón é vital. 

Te puede interesar