Bieito Romero: "A xente de fóra alucina coas historias galegas. Se lle pós música, máis"

Bieito Romero, durante a presentación da apertura da xira de Luar na Lubre.
photo_camera Bieito Romero, durante a presentación da apertura da xira de Luar na Lubre.

Luar na Lubre contará -e cantará- as historias do Camiño de Santiago na apertura da súa xira  “Vieiras e vieiros, historias de peregrinos”, que arranca en Ourense con dous concertos, hoxe e mañá ás 20,30 horas no Teatro Principal. É o título do decimonoveno disco dun dos grupos de música tradicional galega máis recoñecidos internacionalmente. A agrupación mestura nesta nova aposta as lendas e a cultura do Camiño coa sonoridade folk de Luar na Lubre. O grupo está formado por Bieito Romero (gaitas, acordeón, zanfoña), Irma Macías (voz), Nuria Naya (violín), Patxi Bermúdez (bodhran, tambor), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos), Xan Cerqueiro (frautas) e Brais Maceiras (acordeón). Os 27 temas combinan as creacións propias con outras nas que se recollen sons como a auga dos ríos, as campás da igrexa ou unha misa en Muxía.

Poñer banda sonora ao Camino de Santiago é complicado?

Non é complicado, complicado é dar no punto. O Camiño ten un patrimonio inmenso, é unha gran fonte de entrada de cultura que nos chega de todo o mundo. O que fixemos é recuperar historias, había moitísimo material.

Como fixeron a selección?

Escollimos 14 historias de lendas e músicas tradicionais que para nós tiñan un valor especial, algunhas completamente descoñecidas. Intercalamos 13 cortes de sonoridades propias do Camiño coa nosa música. Está o son das campás, do río, o ladrido dun can, os pasos do peregrino… Por iso lle chamamos a banda sonora do Camiño, onde están as lendas coas sonoridades que pode escoitar un peregrino. Foi un traballo de investigación de moitos anos. Este traballo conceptual era unha asignatura pendente, porque traballamos moito as músicas do Camiño.

A que soa este novo disco?

A Luar na Lubre por riba de todo, con moitas influencias medievais, modernidade… Aínda que é música tradicional, música folk, está pensada desde o século XXI. É un disco que segue a liña dos anteriores, pero con moitas cousas novas, que dalgunha maneira marcan un Camiño distinto.

É o disco máis arriscado?

Non é arriscado, é novidoso porque creo que é o primeiro de música exclusivamente folk que se fai sobre o Camiño de Santiago. Hai unha canción arriscada, a do himno máis antigo dos peregrinos, unha canción sagrada recolllida no Códice Calixtino. Fumos algo transgresores porque lle metimos electrónica.

Colabora Miguel Ríos no disco, coa súa primeira canción en galego. Como xurdiu?

Eu coincidía en moitas ocasións con el en Madrid. Sempre me dicía que lle gustaba a nosa música e lle pareciamos uns valentes. Nun dos encontros díxenlle: “Atreveríaste a cantar algo con nós?” E díxome que encantado. Foi moi bonito porque me deu a confirmación cando estabamos grabando na torre da Catedral de Santiago o son da berenguela.

Hai lendas que non son coñecidas. Despois de 30 anos investigando, sorpréndese con que aparezan músicas novas?

Alucino. O Camiño foi unha fonte de chegada de cultura e de humanidade a Galicia impresionante, foi un fluír de xente impresionante. Cando contas as historias fóra, a xente alucina, e se lle pos música e letra, banda  sonora, aínda alucinan máis.

Como senta volver a Ourense?
Marabillosamente. É como estar na casa, porque a miña familia é de Melón Baixo, en Esgos, e miña nai de Niñodaguia, de Xunqueira de Espadanedo. Os verans ata a adolescencia sempre eran en Ourense. Para o grupo tamén é emocionante, e concretamente no Principal, unha “caixiña” bonita de música que temos.

Te puede interesar