Diarios do pasado

O bispo Ussher e a creación do Universo

Un obxectivo importante da ciencia é establecer a antigüidade do Universo e, con el, a da Terra. Ambos, sobre todo a segunda, son o hábitat, o fogar da humanidade. Non poderiamos existir sen o Cosmos e, como parte inseparable del, sen o noso planeta. As grandes contribucións que  achegan esta información proveñen tanto da xeoloxía como da bioloxía, permitíndonos reconstruír a historia da Terra e a da vida que foi albergando dende a súa orixe. E como non, da cosmoloxía, coa finalidade de investigar a estrutura e longa historia do Universo. Os traballos do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, da NASA e doutros investigadores da astronomía que, dada extensión deste escrito non citamos agora -estou seguro de que lles ven á cabeza a figura Stephen Hawking- contribúen a que se vaia consolidando a interpretación e divulgación de carácter científico sobre estes procesos cósmicos, esenciais para a humanidade desde múltiples puntos de vista.

O coñecemento científico está plenamente admitido na actualidade. Forma parte imprescindible das sociedades contemporáneas, polo menos nas da nosa órbita occidental europea. Máis, pese a que se foi construíndo ao longo do tempo, non sempre foi así, nin mantivo unha traxectoria constante. Durante moitos séculos, este tipo de estudos veuse fortemente condicionado por crenzas relixiosas que ás veces aparecían guiadas por un severo dogmatismo. Incluso na transición entre os séculos XIX e XX, a Universidade de Santiago de Compostela aínda arrastraba serias trabas para entender a prehistoria da humanidade, debido a unhas ensinanzas condicionas polo Creacionismo, é dicir, unha interpretación ríxida do Xénese bíblico para explicar a orixe do mundo. Tal actitude dificultaba, cando non impedía, as investigacións, tachadas despectivamente de evolucionistas por sectores entón maioritariamente remisos ás interpretacións darwinistas. Desde este punto de vista, debemos de ter en conta a importancia que se lle deu á obra “Os anais do mundo”, publicada por James Ussher, bispo de Canterbury, en 1650. É unha historia  do planeta e da humanidade que construíu remontando as xenealoxías bíblicas que relata o Vello Testamento, sumando as idades e outras referencias dos patriarcas que aparecen nos textos sagrados. Chegou á conclusión segundo a que a orixe do mundo, que indefectiblemente para el coincide coa da Terra, tivo lugar no ano 4004 a. C. Iso sucedeu, segundo os cálculos do prelado, na madrugada do sábado 23 de outubro dese 4004 a. C. Continuando coas súa contas, e entre outros sucesos, a expulsión de Adán e Eva do Paraíso ocorreu o luns 10, de novembro do mesmo ano, e o fin do Diluvio Universal, o episodio do monte Ararat, o mércores, 5 de maio de 2348 a. C. Eran outros tempos, outros métodos e outras crenzas. Na actualidade vense estimando a idade do Universo nuns 13.700, cando sucedeu o Big Bang. Para a Terra a xeoloxía proporciona a data dos 4.500 millóns de anos, moi lonxe dos catro milenios que calculou Ussher.  

Hoxe sabemos que os vestixios dos primeiros antepasados dos humanos teñen uns 4,4 millóns de anos. Tras unha longa evolución aparece a nosa especie, cuxa versión máis arcaica remóntase a uns 300.000. Serían loables os cálculos de Ussher, naquel século XVII, se non fose porque non foi quen de separar a intención científica das interpretacións excesivamente dogmáticas dos textos bíblicos.

Te puede interesar