Crónica

Blanco Amor na memoria de Ourense

No 42 aniversario da morte de Eduardo Blanco Amor, os amigos do autor de “A Esmorga” rendiron onte a tradicional homenaxe ao carón da súa tumba, no cemiterio de San Francisco

A bufanda que sempre levaba Eduardo Blanco Amor é a única ornamentación que luce, en pedra, na tumba do escritor ourensán que non pasa de moda 42 anos despois da súa morte. O cemiterio de San Francisco acolleu onte a tradicional homenaxe que cada ano, na data do seu pasamento, celebran de maneira sinxela pero agarimosa os amigos do autor de “A Esmorga”. 

A mellor proba do legado que persiste é a dos alumnos do IES Eduardo Blanco Amor. Son eles quenes participan na ofrenda floral dende hai dúas décadas. Ana Fraile, xa universitaria, é unha desas rapazas que leu a Blanco Amor na etapa do instituto. E ségueo facendo. Fraile recitou os seus poemas durante o acto, influenciados especialmente pola obra “Los miedos”. “Ana é a mellor proba de que Blanco Amor segue convocando en Ourense a aquelas persoas conscientes da inmensa magnitude da súa obra e da bonhomía da súa figura humana. O escritor conecta coa vangarda e a Fundación Eduardo Blanco Amor está aberta de par en par para os novos poetas, para as mulleres valentes de Galicia. Porque ese é o mandato que nos deixou Eduardo”, dixo Luis González Tosar, presidente do PEN Galicia e director da fundación que leva o nome do intelectual ourensán. A profesora Soedade do Muíño é outra das figuras que da sentido á homenaxe: “Os textos dos alumnos do instituto serven de inspiración para os do ano seguinte, van de man en man. Esta é unha romántica resistencia que se mantén dende hai 20 anos”.

Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación, reivindicou a actualidade de Blanco Amor. Fernández subliñou que a homenaxe “ten que ir máis aló dunha lembranza e converterse nun  motivo para poñer en valor ante os máis novos que o noso escritor foi un adiantado á súa época”. A banda de gaitas da Deputación de Ourense puxo o broche final.

Premio con método europeo

Blanca Riestra recolleu onte o galardón literario, no Liceo (XESÚS FARIÑAS).

 

Blanca Riestra recolleu onte o galardón literario, no Liceo (XESÚS FARIÑAS). 

“O premio pasa por un dos seus mellores momentos”, din desde o xurado presidido por Luis González Tosar. O galardón de novela que outorga a Deputación de Ourense está á altura “da selección que fan os certames de Europa ou hispanoamérica”. E que, precisamente, o método de selección da obra gañadora é habitual nos galardóns máis recoñecidos da literatura mundial. Para primar a calidade, estableceuse un “comité lector”: cada persoa le tres ou catro obras e emite un informe para entregar ao xurado. Os encargados de dar o premio teñen o informe e as novelas para tomar a decisión. “Ademais, eliminouse das bases o de novela longa, simplemente novela”, explican. Unha trintena de obras presentáronse a esta edición, que finalmente gañou a coruñesa Blanca Riestra pola súa obra “Aquí empeza o mar”. O xurado foi presidido por Luís González Tosar, en representación da Fundación Blanco-Amor, e integrado por Luciano Rodríguez Gómez, Mercedes Corbillón Fernández, e César Lorenzo Gil, actuando como secretaria Tensi Gesteira. “Trátase dunha novela para ler no século XXI”, din dende o xurado do premio de novela Eduardo Blanco Amor que se outorgou onte no Liceo.

Te puede interesar