La Región

CAMPAÑA ELECTORAL

O BNG esixirá un plan para recuperar os ríos

Luis Seara e Ana Miranda anuncian que Ourense acollerá a asemblea de plataformas galegas en defensa da auga

Luis Seara e Ana Miranda, con membros de Ríos Limpos (LUIS EIRIZ).
Luis Seara e Ana Miranda, con membros de Ríos Limpos (LUIS EIRIZ).
O BNG esixirá un plan para recuperar os ríos

O  candidato do BNG, Luis Seara, criticou onte que durante este mandato se lle dese "as costas" ao río Barbaña, no que se produciron "día si e día tamén" vertidos incontrolados, e acusou ao goberno do PP de permanecer "calado" ante a "sistemática contaminación". Ante iso, Seara –acompañado de eurodeputada do BNG, Ana Miranda, logo dunha xuntanza co colectivo Ríos Limpos–, asegurou que a súa formación será "proactiva" e "absolutamente contundente" na defensa dunhas mellores condicións dos ríos, "que son un elemento de vida e que xeran tamén riqueza económica". Asemade, afeou que o Concello non se personase no xuízo pola morte de peixes. O candidato do BNG amosou a intención de "vivir cara o río" e "aproveitar" as ribeiras, e comprometeuse a elaborar un Plan da protección da paisaxe,  e demandar da Hidrográfica "o trato que Ourense merece", cun Plan de recuperación de ríos e ribeiras.  

Pola súa banda, Ana Miranda criticou a "deixadez de funcións" do PP ante a Directiva Marco da auga, e lembrou que en Europa pediron "máis información". Nese senso, avanzou a realización dunha asemblea das plataformas galegas en defensa da auga en Ourense en outubro, "para que se tome dunha vez por todas cartas no asunto" E queren facelo, recalcou, "xa cun concelleiro do BNG".