O BNG presenta o seu plan para dinamizar a economía ourensá

Encontro entre o BNG e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense.
photo_camera Encontro entre o BNG e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense.

O BNG presentou onte un “ambicioso plan de goberno” co que buscará impulsar a economía ourensá. Nun encontro con representantes da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense (AJE), a cabeza de lista do partido por Ourense, Noa Presas, e o candidato número 2, Iago Tabarés, acompañados polo portavoz municipal, Luis Seara, e o deputado provincial, Xosé Manuel Puga, trasladaron a súa proposta económica, así como a entrega do Plan Ourense Vivo, co obxectivo de dar a coñecer as alternativas que defende a organización nacionalista para impulsar as comarcas ourensás. 

“Entendemos que a cohesión e a igualdade territorial teñen que ser prioritarias e, para poñer punto e final aos problemas de Ourense, por iso presentamos este ambicioso plan de goberno que conta con 25 eixos estratéxicos que abordan as necesidades que temos nesta parte do País”, sinalou Presas.

 O Plan Ourense Vivo, explicou Presas, contempla medidas desde o punto de vista social como cuestións do ámbito económico “tanto no ámbito do termalismo como a constitución dunha mesa pola industria ou a estratexia ante o cambio climático que temos que liderar”.

Candidaturas

A portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, estará hoxe na cidade para participar no acto de presentación da candidatura do BNG por Ourense para as vindeiras eleccións, que se levará a cabo ás 11,00 horas no Teatro Principal.

Te puede interesar