O BNG recolle sinaturas pola defensa da Atención Primaria

Luis Seara, Iago Tabarés e Rhut Reza, de esquerda a dereita, na rolda de prensa de onte. MIGUEL ÁNGEL
photo_camera Luis Seara, Iago Tabarés e Rhut Reza, de esquerda a dereita, na rolda de prensa de onte. MIGUEL ÁNGEL
O deputado nacionalista Iago Tabarés pretende sacar adiante unha Iniciativa Lexislativa Popular

 A situación crítica que atravesa a Atención Primaria, o recorte dos orzamentos, a non substitución dos profesionais sanitarios no verán, o colapso dos servizos e o deterioro dos centros de saúde. Ó BNG sóbranlle os motivos para iniciar unha campaña de recollida de sinaturas en apoio a unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) da plataforma Cidadá SOS en defensa da Sanidade Pública, desde mañá, xoves, e ata o vindeiro 31 de agosto, segundo informou onte o deputado por Ourense desta formación nacionalista no Parlamento de Galicia, Iago Tabarés, acompañado polo portavoz municipal e candidato á alcaldía do Concello de Ourense, Luís Seara, e a concelleira Rhut Reza.

 “O dereito á saúde é un dereito fundamental, e ese dereito non é en abstracto senón que ten a súa concreción no mantemento dun sistema sanitario público”, destacou Tabarés. Desde a formación nacionalista denunciaron o recorte no orzamento, que “a día de hoxe conta con 47 millóns de euros menos dos que dispuña hai 13 anos”, criticaron. Por iso, a ILP propoñerá aumentar ese orzamento ata chegar ó 25%, “aínda que, de momento, a suba tería que ser do 2,2%, o que suporía máis de 200 millóns de euros”, sinalaron desde o BNG.

Seara anunciou que instalarán mesas ás portas dos principais centros de saúde da cidade. “Estaremos no Couto, a Ponte, a Cuña, Valle Inclán e a Carballeira para recabar o apoio de todas as veciñas e veciños que se queiran sumar e instámolos a facelo xa que a sanidade é un dos piares básicos do Estado de benestar”, dixo.  O candidato á alcaldía tamén reclamou a construción do centro de saúde do Vinteún e centros novos no barrio de Mariñamansa e na zona histórica.

Un "maltrato permanente"

Os nacionalistas denunciaron o avance na precariedade laboral, que “obriga a unha profesional a ter que prolongar a súa xornada laboral para cubrir o traballo que terían que facer tres ou catro persoas”. Este “maltrato permanente”  fai que dos 89 MIR de familia que remataron este ano soamente 30 aceptaran quedarse, aseguraron.

Tabarés tamén reclamou a posta en marcha “dun plan de retorno, captación e fidelización de profesionais, así como a incorporación de categorías novas, como poden ser a psicoloxía clínica, terapeutas ocupacionais, logopedas, podólogos, ou traballadores sociais entre outros”.

O deputado pensa que non debemos aceptar como normal “a falla de atención, días de agarda para ter unha cita, miles de galegas e galegos sen médico de referencia, PAC´s sen médicos, nenas e nenos sen pediatra ou mesmo falla de ambulancias”, lamentouse. 

Te puede interesar