O BNG urxe desbroces ante “o actual deterioro”

Critican que os tractores do Concello leven dos meses parados mentras a maleza medra descontrolada

A maleza medra “descontrolada” por todo o termo municipal de Ourense mentres o Concello mantén parados “desde hai meses” os dous tractores desbrozadora cos que conta. Así o advertiu onte o grupo municipal do BNG, que esixe ao goberno local que inice “o antes posible” os traballos de limpeza e desbroce, debido a que as queixas veciñais están indo en aumento.  

“Abandono e desleixo” son as dúas palabras coas que os nacionalistas definen a situación actual das zonas verdes do municipio, á que se suma a maleza que crece como consecuencia das chuvias, primeiro, e do bo tempo, despois, nas últimas semanas. Parques, camiños, sendeiros e “ata parcelas de titularidade municipal” están vendo medrar de forma desproporcionada esta maleza. 

Ante esta situación, segundo puideron comprobar os edís do BNG, os dous tractores desbrozadora do Concello están parados “desde hai meses e sen persoal que os conduza”. 

Luis Seara, voceiro nacionalista, advirte do “risco para a veciñanza” que supón este abandono, “máxime cando nos achegamos á época de alto risco de lumes”. Entende Seara que debe haber “iniciativa, capacidade de xestión e proxecto de cidade”, pero que o rexedor e os seus dous edís “demostran non ter nada diso”.  O BNG reclama unha infraestrutura municipal tanto de medios materiais como de persoal, “algo do que actualmente adoecen concellerías como Medio Ambiente, Termalismo ou Infraestruturas”. 

A PRIORIDADE, O CENTRO DE IA

Neste sentido, Luis Seara criticou que o alcalde Jácome só estea preocupado en “contratar enxeñeiros para o seu centro de Intelixencia Artificial” mentres o resto de departamentos municipais agoniza sen recursos nin humanos nin materiais. 

Te puede interesar