Búscase en Toén o brazalete que seduciu a Bouza Brey e Cuevillas

A asociación Amigos do Patrimonio de Toén está trala pista dunha peza de ouro da Idade do Bronce que foi descuberta en 1932 e leva desaparecida desde a Guerra Civil.

Os veciños de Toén están detrás dun brazalete que leva desaparecido 87 anos. Pablo Sabucedo, membro da asociación Amigos do Patrimonio de Toén, realizou un estudo sobre esta peza, unha lámina de ouro puro e 71 gramos e medio de peso que foi achada neste municipio en outono de 1932 por un campesiño mentres sachaba. Contan cunha única fotografía da peza. O seu autor é o antropólogo Florentino López Cuevillas. Nel se baseou o historiador Fermín Bouza Brey en 1933 para elaborar un monográfico sobre a peza. Escribiu do campesiño que “topou o brazalete baixo unha pedra que a súa vez situábase nas reigañas dun carballo”. 

En 1934, a peza aínda estaba en mans do campesiño, pero perdéuselle a pista desde entón, probablemente a causa do estalido da Guerra Civil. De feito, unha das hipóteses sobre a mesa é que se fundira para sufragar ao bando nacional. Outras opcións son que quedara en mans da Igrexa, que se perdera ou que aínda continúe oculto nalgunha das casas familiares de Toén. 

Os estudosos demostraron décadas despois que tanto Cuevillas coma Bouza Brey trabucáranse ao ubicar a peza dentro da cultura celta e datala arredor do 500 a.C. Hoxe en día, está encadrada dentro da ourivaría  do tipo Villena-Estemoz, en referencia ao tesouro atopado nesta localidade de Alicante en 1963, que contaba con numerosos brazaletes de similar estilo. Polo tanto, a peza foi elaborada polos pobos mediterráneos en torno ao 1.000 a.C., na Idade do Bronce. “É unha evidencia de que a provincia tiña comunicación coa zona mediterránea”, valora Sabucedo. Grazas ao seu labor de investigación, nun proceso no que consultou aos maiores de Toén, puido precisar que o lugar da descuberta foi próximo aos túmulos funerarios de As Cerdeiras e A Bragada, que os Amigos do Patrimonio de Toén manteñen en proceso de recuperación. 

Dos cinco brazaletes deste estilo atopados en Galicia, este é o único que segue en paradoiro descoñecido. De feito, o coñecido coma “brazalete de Ourense” é conservado no Museo Provincial de Lugo.  Sabucedo asocia estas pezas ao dote de mulleres que casaron hai tres milenios. “Son moi estreitos para encaixar ben no corpo dun home”, engade Sabucedo, quen aínda sospeita que a peza siga en mans de algún veciño de Toén.

Te puede interesar