Entrevista

Juan Antonio Añel: “O cambio climático ten que formar parte de toda decisión dos gobernos"

El físico gallego Juan Antonio Añel Cabanelas.
photo_camera El físico gallego Juan Antonio Añel Cabanelas.
O físico ourensán Juan Antonio Añel, investigador en ciencias atmosféricas, defende que non é posible atribuir un fenómeno meteorolóxico "puntual" ao cambio climático

As altas temperaturas deste mes de febreiro, acompañadas das floracións temperás de moitas árbores, poñen sobre a mesa as alteracións do clima nos últimos anos. O físico ourensán Juan Antonio Añel, investigador en ciencias atmosféricas, defende que non é posible atribuir un fenómeno meteorolóxico "puntual" ao cambio climático, pero asegura que o adianto das estacións é unha das súas consecuencias. Como resposta, as administracións deben dar un paso adiante e incluír o cambio climático de xeito transversal nas súas accións, e os cidadáns, pola súa parte, apostar pola sosteniblidade. 

Esta temperatura inusual é consecuencia do cambio climático?

Non se pode facer a atribución dun  fenómeno meteorolóxico puntual ó cambio climático, aínda que son consciente de que é algo atractivo para os medios. Dentro da nosa labor académica temos que facer unha divulgación axeitada. 

Pero podería estar vencellado?

Unha das consecuencias do cambio climático é a aparición máis a miúdo de temperaturas mínimas máis altas, que se adianten as estacións e que os valores de temperatura se volten máis extremos en todos os meses.

Que alteracións se poden apreciar na provincia ourensá?

Para min dous dos máis salientables son a falla de días de neve, que por exemplo se están a voltar moi escasos na zona de Manzaneda. Tamén me chama a atención a floración de certas árbores que se está a producir estes días, que semella ser bastante temperá para a época.

Cara ao futuro, a situación empeorará?

Co paso do tempo voltará as temperaturas máis extremas e probablemente intercalará períodos de días de frío con outros de calor. Isto é debido a outros impactos a escala global que se están producindo do cambio climático que teñen este efecto sobre a nosa zona no planeta.

Que papel deberían xogar as administracións na loita contra o cambio climático?

As administracións teñen a obriga de prepararse para elo e considerar o cambio climático en todas as decisións de planificación do territorio, tanto a curto como longo prazo. Isto implica dende inversións, á planificación de infraestructuras. Por poñer un exemplo, nunha cidade como Ourense, onde temos temperaturas altas moi extremas, debería ser tido en conta á hora de tomar decisións como aprobar o novo PXOM. As novas construccións e alturas que se autoricen dende o goberno local poden ter un elevado impacto sobre as temperaturas na cidade.

E a cidadanía? Pode implicarse dalgún xeito?

A poboación ten que levar a cabo accións individuais que axuden a unha maior sostenibilidade ambiental. Isto inclúe consumo responsable e sostible, de cercanía, reciclar e sobre todo esixir que o medioambiente sexa unha prioridade na axenda. A sostenibilidade medioambiental é unha fonte de riqueza e a adaptación ó cambio climático unha oportunidade capaz de xerar negocio no eido das enerxías renovables ou da construcción, entre outros sectores. É posible a adaptación das nosas casas ou a da explotación forestal, que permite obter ingresos mediante subvencións para sementar nas nosas terras especies arbóreas que actúan como sumidoiros de carbono e polo tanto mitigan os efectos do cambio climático.

Te puede interesar