Monologuista

CÁNDIDO PAZÓ: 'No mundo do teatro vale absolutamente todo, menos aburrir'

'Memorias das memorias dun neno labrego', o monólogo de Cándido Pazó a partir da novela de Xosé Neira Vilas, volve a Ourense coa intención de divertir e emocionar de novo ao público. A representación terá lugar este venres, día 10, a partir das 20,30 horas no Auditorio Municipal.
Como xurdíu este traballo?
Comecei coa idea no 2009, pero pensei que esperar ata o 2011, ano no que se cumplía o 50 aniversario da publicación de 'Memorias dun neno labrego', era o mellor. Seleccionei as partes máis apropiadas para adaptalas ao formato monólogo e introducinlle aspectos da tradición oral e humor, necesario para equilibrar a emotividade do texto cando se trata de transmitilo falando.

É necesario ter lido o libro de Neira Vilas para comprender a obra?
En absoluto. O espectáculo está pensado para poder ser comprendido e chegar a quen leu o libro como a quen non. Tampouco se pode dicir que se coñece o texto por ter acudido ao espectáculo. É ademais unha representación para todos os públicos, onde se recordará, rememorará e emocionará.

Cal é o obxectivo do monólogo?
A miña intención é comunicar de xeito inmediato e próximo co público. Tamén intento crear emoción e divertir, non necesariamente no sentido cómico da palabra, senón que o público se sinta satisfeito de ter acudido. No mundo do teatro vale absolutamente todo menos aburrir.

Por que esta segunda viaxe a Ourense?
Empregando unha metáfora, en tempos de riqueza colles unha laranxa, sácaslle o zume e déixala. Cando hai escaseza, hai que sacarlle o máximo a cada unha. O mesmo cos espectáculos nos tempos que corren. En cidades como Ourense, trala primeira visita, vin que gustara e que había público dabondo para ela. Asúmese un risco, porque agora só contamos ca recaudación de taquilla. Está a cambiar, ademais, o tipo de relación cos contratantes. Pasouse de pedir caché pola actuación a case ter que pagar, xa que algúns organismos tratan de facer negocio cos espectáculos culturais.

Fálase da mediatización dos personaxes e da relación da popularidade co éxito das actuacións
Dende logo, se Belén Esteban vén facer un monólogo seguro que vai moita máis xente. E aí si que entendo a intención de negocio, porque iso é o que é. Pero eu fago un acto cultural.

E gustaríalle ter o mesmo público ca esos personaxes?
Unha vez que o público entra a ver a obra, se se sabe conectar con el, pode entender e disfrutar dos dous. Quen fose vernos asistiría de xeito diferente a cada unha das mostras, pero eu non renego de ningún público.

Te puede interesar