Coincidindo co Día das Letras, o cine galego e en galego volveu pedir onte paso nas salas da cidade. A estrea de Vilamor serviu, ademais de para ver a película por primeira vez en Ourense, para reivindicar o papel deste sector en Galicia.

Cando Vilamor chegou a súa casa

Xoel Yáñez, Sabela Arán, Rubén Riós e Ignacio Vilar, na sala grande do Cinebox, antes da proxección da película. (Foto: Miguel Ángel)
Con dous meses de promoción nas costas e 12.000 quilómetros percorridos por toda Galicia, Vilamor proxectouse onte por primeira vez en Ourense.
A expectación foi tal que as 284 localidades da sala cinco non foron dabondo e Cinebox tivo que habilitar outra máis para atender á demanda. Á fin e ó cabo, non todos os días tres dos catro protagonistas dunha estrea son ourensáns -o director, Ignacio Vilar, e os actores Rubén Riós e Xoel Yáñez-. Eles, xunto a actriz compostelá Sabela Arán, presentaron a película perante os espectadores mesturando a emoción de ser profeta na terra -'é acojonante. Dá gusto', dixo Yáñez- coa reivindicación do cine galego.

'Estar na gran pantalla é importante, por iso, se vos gusta a película, recomendádea. Necesitamos encher as salas para seguir facendo cine galego', dixo Vilar, despois de apostar polo audiovisual como elemento para 'crear riqueza e dar a coñecer o noso'. Minutos antes, Rubén Riós pedira apoio para que 'Galicia estea na gran pantalla', como estará, dixo, a través da promoción de Vilamor no festival francés de Cannes e, unha semana despois, no de Cans (Porriño).


PHOTOCALL

Os protagonistas estaban na casa e así quedou reflectido non só nas súas intervencións nas salas senón tamén no photocall previo á proxección do filme. Os seus familiares e amigos déronse cita no centro comercial Ponte Vella, como tamén o fixeron representantes da cultura e a política ourensás, ademais de anónimos que quixeron ver de primeira man como é unha estrea. Tamén houbo algún que outro cazaautógrafos.

Diante dun gran cartel do filme pousaron ante as cámaras cos protagonistas o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez; o secretario xeral de Normalización Lingüística, Valentín García; o presentador televisivo Xosé Manuel Piñeiro, a cantante María do Ceo; o director do Centro Cultural da Deputación, Francisco González; a directora de Sarabela Teatro, Ánxeles Cuña; o director de Queixumes dos Pinos, José Antonio Viñas; o director da Academia Postal, Francisco Nóvoa; e o expresidente da Deputación, José Luis Baltar, coa súa dona, Alicia Blanco.

Tampouco quixeron perder a proxección a alcaldesa de Cartelle, Carmen Leyte; a concelleira de Educación de Ourense, Ana Garrido; e o subdirector de La Región, Miguel Sánchez, entre outros. Os actores e o director de Vilamor pousaron ademais con distintos grupos, como o que organizou unha cea benéfica en Carballiño na que eles participaron.

Como mandan os cánones da promoción, todos os que pasaron polo photocall -dende cativos a avós-, atoparon cun sorriso a director e actores, unha expresión que tampouco se lles borrou da cara cando viron chea a sala máis grande do Cinebox (tamén o estaba a pequena) -'as veces os soños convírtense en realidade', dixo Vilar-. A partires de aí, e con dúas horas de película por diante, só quedaba rir, chorar e 'pasalo incriblemente ben', igual que, segundo dixo Yáñez, fixeron os que traballaron na película. A promoción de Vilamor en Ourense queda agora nas mans dos espectadores.

Te puede interesar