Púxose en circulación onte no castelo da vila

O cardeal macedán Quiroga Palacios queda inmortalizado cun novo selo personalizado

O castelo de Maceda acolleu onte a posta en circulación do selo personalizado coa figura do cardeal Quiroga Palacios, nun acto que fusionou a dous dos grandes emblemas da vila. O acto, que tamén serviu para inaugurar unha exposición filatélica, contou tamén cun cuño que recrea a fortaleza macedá.
A impronta do cardeal Quiroga Palacios nunca pasou desapercibida entre os macedáns, de feito é fillo predilecto da vila dende fai décadas. Pero agora terá tamén unha pegada internacional. O que empezou coma un empeño persoal dun macedán, Francisco Nóvoa (director xeral de Academia Postal), é agora unha realidade na que se meteron de cheo a Sociedade Filatélica ‘Miño’ e o Concello de Maceda.

O castelo da vila convertiuse onte nunha improvisada oficina de Correos onde se puxo en circulación o selo de Quiroga Palacios. A peza filatélica recolle a imaxe do cardeal sacada dunha fotografía en cor cedida polo propio Francisco Nóvoa e que reflexa ó prelado coa súa vestimenta habitual e ó seu carón, o nome, o lugar e data de nacemento, así coma a do seu pasamento. Asemade, onte era posible obter tamén o mateselos do castelo de Maceda, que recrea unha instantánea da fortaleza dos anos 60, cedida polo rexedor municipal, Xabier Oviedo, (dende hoxe xa non funciona e o cuño pasa a formar parte do museo de Correos en Madrid).

Ademais do selo personalizado, a Sociedade Filatélica tamén puxo en circulación dúas pezas postais a maiores: unha tarxeta e un sobre, ámbolos dous ilustrados coa figura do cardeal Quiroga Palacios.

Exposición

No marco da presentación deste selo personalizado sobre un dos máis destacados veciños da vila, a Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica ‘Miño’ trasladou ata o castelo de Maceda as mellores coleccións dos membrosa da sociedade.

Esta exposición, que foi inaugurada onte, permanecerá exposta no interior da emblemática fortaleza ata o próximo día 25 do presente mes de maio. Conta con case unha veintena de expositores repartidos por dúas plantas do castelo, onde os afeccionados ó mundo dos selos poden encontrar verdadeiras xoias filatélicas.

Te puede interesar