REPORTAJE

O Cartelle de 1967 fixado na Leika de Carlos Velo

O álbum de recordos que o cineasta ourensán recolleu nunha curta viaxe a Cartelle en 1967 ve agora a luz nunha mostra exhibida no Marcos Valcárcel. Os seus pais, a veciñanza e a paisaxe da súa terra natal en 42 imaxes.

Ca súa pequena cámara Leika, Carlos Velo voltou ao seu Cartelle natal en 1967. Entón, o rapaz que marchara anos atrás da aldea de Os Pereiros, voltaba como cineasta de prestixio en México. O seu filme "Pedro Páramo" presentábase no Festival de Cannes e él escapou, nunha breve viaxe, a Galicia. A reportaxe sentimental que o cinesta ourensán fixo da súa terra pode verse agora no Marcos Valcárcel. A exposición, comisariada polo escritor Enrique Acuña, exhibe 42 fotos de gran formato que contan a historia da pasaixe, dos veciños e dos pais de Velo.

"Carlos Velo. A volta a Cartelle" é o álbum de recordos de quen regresa á terra por pouco tempo para volver marchar a México. A serie do pai e da nai retrata o amor que se tiñan os seus proxenitores e a súa vida en Cartelle. O pai, médico rural, revisa unhas vides e a nai lava roupa nunha pedra. Noutra fotografía, aparecen bicándose.

O retrato que fai Velo da súa aldea natal tamén inclúe á veciñanza. Un pequeno aparece correndo entre as casas de pedra. Forma parte do cambio co que topou Velo no regreso e que capturou nestas  imaxes, na que sobresae o compromiso ca terra que caracterizou sempre ao cineasta ourensán, nos que o fondo sempre é Cartelle.

Durante a inauguración, o comisario da mostra, Enrique Acuña, subliñou que "esta exposición é unha captura sentimental da súa aldea, da súa nenez e mocidade, para levar de volta a México a memoria da súa terra". Un traballo que agora ve a luz e que califica como "unha das mellores mostras da fotografía galega do século XX".

"A volta a Cartelle", mostra impulsada pola Fundación Carlos Velo, poderá visitarse ata o 26 de novembro. Unha colección inédita dun cineasta aos que os recoñecementos chegáronlle tarde.

Te puede interesar