Representantes das artes, da política e da sociedade ourensana recordaron ó xestor cultural

A Casa da Xuventude despide entre amigos a Benito Losada

A sala de exposicións dunha Casa da Xuventude á que lle adicou a meirande parte da súa vida serviu de escenario para despedir a Benito Losada, que faleceu esta fin de semana. Non podía ser noutro lugar nin podía ser doutro xeito, máis que cos seus amigos. Onte non houbo apelidos, nin tampouco fixeron falla. Estiveron Rosa, Lalo, Pedro, Afonso, Manolo, o Che, Xavier, Noelia, Óscar, Miguel Anxo, Ovidio, Paco, Juanjo, Pepe, Roi e o seu fillo Anxo. Todos eles, amigos.
As emocións estiveron presentes durante a hora enteira que durou a homenaxe cívica e chegaron ata 'a casa', como a definiu o seu amigo Afonso, mediante cada un dos ponentes que se achegou onda a imaxe tomada polo fotógrafo Eduardo Núñez que presidía a estancia. Pluralidade, tolerancia, solidariedade, apoio, complicidade, liberdade, legado, humanidade, confianza e lealdade. Todos estes termos serviron para definir á persoa, ó xestor, ó funcionario e ó amigo que durante máis de 30 anos quixo que a mocidade ourensá tivera un espazo de seu.

Aínda que os de onte eran 'momentos para estar calado', tal e como asegurou Paco, e as bágoas chegaron a bloquearlle o paso ás palabras, os amigos de Benito sacaron as mesmas forzas coas que el retou á súa saúde na organización dos dous últimos Outonos Fotográficos, para avisar á cidade do difícil que vai ser 'atopar un timonel que consiga levar este barco como o levou el', dixo Miguel Anxo, antigo socio. Pero tampouco ese é o traballo que hai por diante para os amigos de Benito, senón que, como afirmou Pepe, 'o seu traballo quedou rematado' e a obriga agora debe ser a de 'asumir outros retos'.

Pechou o acto Anxo, o seu fillo, que salientou do seu pai a súa 'persistencia como coleccionista'. El herda agora tódalas coleccións que en vida fixo Benito, pero terá que prestar 'unha máxima atención á que máis tempo lle levou xuntar: a dos seus amigos'. Deste xeito concluía a homenaxe cívica coa que a cidade de Ourense tratou de demostrarlle a gran débeda que teñen para a 'alma' da Casa da Xuventude.

Te puede interesar