PATRIMONIO CULTURAL

O catedrático Fernando López Alsina visita a exposición dos suevos

Fernando López Alsina, Jorge López Quiroga e Jesús Manuel García_result
photo_camera Fernando López Alsina, Jorge López Quiroga e Jesús Manuel García.

O profesor de Historia Medieval sinalou como a gran nova que "está todo reunido aquí, a disposición dos visitantes, para velo, disfrutalo e estudalo. É unha magnífica exposición"

O catedrático de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela, Fernando López Alsina, visitou esta tarde a exposición In Tempore Sueborum, acompañado polo comisario da mesma, Jorge López Quiroga, e polo responsable das visitas guiadas, Jesús Manuel García. A exposición, que organiza a Deputación de Ourense, é a máis importante de Europa sobre o reino suevo, e na que se mostran obxectos procedentes de 39 museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña.

Trala visita, o catedrático de Historia Medieval destacou a suma importancia que ten reunir un número tan elevado de pezas de gran valor procedentes de museos de varios países nunha mesma exposición, “o que a converte nun evento único”, sinalou Fernando López Alsina, e engadiu, “a gran nova é que está todo reunido aquí, a disposición dos visitantes, para velo, disfrutalo e estudalo. É unha magnífica exposición”.

A mostra, que poderá visitarse ata o día 4 de marzo de 2018, está exposta en tres espazos da cidade de Ourense organizados en tres bloques temáticos: o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense con obxectos sobre a deconstrución dos bárbaros, a Igrexa de Santa María Nai céntrase no proceso de cristianización na Gallaecia da época sueva, e o Museo Municipal permite coñecer o ámbito social e organizativo dos suevos cos galaico-romanos.

Tódolos grupos interesados en facer un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia (411 – 585) a través dunha visita guiada pola exposición poden realizar a súa reserva a través do correo electrónico [email protected].  Ademais, de luns a sábado, ás 18,30 horas, hai visitas guiadas que non precisan de reserva. Tódalas visitas á exposición son de balde.

Te puede interesar