Celso Fernández López:“Deixámonos a pel para que o 100% dos afectados por erte cobren en maio"

2020041822051897993
O Director provincial do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) sabe que están no centro das olladas de todos os traballadores

No centro das miradas de milleiros de traballadores, o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) traballa arreo para desbloquear, sobre todo, as prestacións dos traballadores en situación de ERTE, pero tamén pendentes de multitude de consultas a un organismo liderado na provincia de Ourense polo exalcalde de Maside Celso Fernández (Punxín, 1959), a piques de cumprir ano e medio no cargo. Como mostra do traballo, asegura que na primeira quincena de abril atendéronse 13.000 expedientes. No mesmo período de 2019, a cifra non chegaba a 1.500.

Como levan esta revolución?

Estamos na boca de todos aínda que nesta voráxine de traballo ten moito que ver o servizo autonómico. Nós encargámonos de recoñecer prestacións e facer os pagamentos. Hai un traballo intensísimo, os funcionarios estanse deixando a pel, os dedos nas teclas, non só en xornada labora, senón tardes, festivos, domingos. Sacaron máis de 3.000 expedientes nos festivos da Semana Santa. Non é vistoso, pero o labor é tremendo para que a xente poida cobrar en maio.

Todos?

Diría que en Ourense practicamente imos ter o 100%, deixo unha marxe de erro polos expedientes que chegaron incompletos e hai que reclamar ás empresas que subsanen. Iso retrasa o traballo pero sábados e domingos seguiremos traballando. Imos facer o esforzo para que en maio xa cobren o 100% dos afectados por ERTEs. Se alguén queda se cobrar, sería por algún erro no tramitación, por nós non será.

Botan fume os teléfonos?

No que levamos de coronavirus, tivemos máis de 20.000 solicitudes e miles de consultas, bloqueo das liñas, teñen que insistir. O traballo é inmenso, redistribuise o persoal porque non todo estaba dedicado a prestacións, hai outras facetas como a formación que non están habituados e preparados para isto.

Pero agora as prioridades cambiaron.

Claro, e hai que redistribuír os traballadores. Todos están implicados, un persoal aparte escaso porque levamos anos sen cubrir as prazas e hai tamén baixas. A gran maioría está na casa ou a porta pechada nas oficinas. É unha labor inmensa, só a administración do Estado é capaz de afrontar un reto coma este. Que a cidadanía pense que ata o 15 de marzo o SEPE tiña un día de demora na tramitación de expedientes e en Ourense estabamos case en medio día. Agora chegou unha carga extraordinaria que supón o 900% do que había antes. Non me cansarei nunca de dicir que o traballo que non se ve dos funcionarios do SEPE é inmenso, porque recoñecer unha prestación leva tempo. E despois están as miles e miles de consultas, que acaban xerando certo colapso.

Entenderá que cada cidadán se preocupa do seu.

Loxicamente. E nós queremos que o diñeiro chegue á xente. Por iso considero cando menos desafortunada que o presidente da Xunta preguntase ó Goberno de España cantas prestacións se concederan en marzo para cobrar en abril. Daba cifras o 27 de marzo de que en Ourense había 2.948 ERTEs presentados con 11.000 afectados e nós o 30 de marzo só recibiramos 151, como se en Ourense a crise non afectase.

Non era culpa do SEPE, entón.

Claro, o primeiro traballo está en quen revisa o ERTE e o aproba, a autoridade laboral. De feito, o 2 de abril a Xunta duplicaba o prazo de cinco días porque  acúmulo era enorme. O cuello de botella non está no SEPE.

Estase facendo político aproveitando o momento?

Preocúpame que se poida insinuar a mínima dúbida sobre os traballadores e o organismo. Eu son o director provincial, hai ano e pico non o era e ó mellor en ano e pico non o son, pero os funcionarios son extraordinarios. A ver que organismo ten medio día de demora e son capaces nun mes de xestionar e aprobar miles e miles de expedientes de prestacións para que a xente poida cobrar o que lle corresponde.

Vendo toda o que está a acontecer. Cre que é unha ensinanza da necesidade de ter un sector público forte?

Sempre fun un defensor diso. Cando se chegan a circunstancias tan extraordinarias, estase percibindo en todos os campos que o público é unha garantía.

Agora hai que capear o temporal, pero tamén pensar no día despois.

As políticas activas son das Comunidades Autónomas, para iso reciben cantidades grandes de diñeiro.

Pero houbo polémica polo recorte desas achegas.

Sempre houbo unha transparencia e claridade total. O que pasa é que dadas as circunstancias, se tes un gasto desmedido podes facer uso de certas partidas para temas prioritarias. Debería quedarlle claro a todo o mundo e, socialmente, penso que entende toda a cidadanía, o prioritario é que a xente chegue a fin de mes e poida comer. Nós tratamos de pagarlle a todo o mundo ó que lle corresponde.

Foi nomeado cun Goberno en solitario, agora é unha coalición e está baixo a batuta dunha ministra de Podemos, Yolanda Díaz. Cambiou algo?

O SEPE mantén a mesma dirección xeral, cunha visión moi clara das cousas, dinámica, que sabe cara onde vai o emprego, a formación é básica e fundamental. E a ministra tamén é moi coñecedora do campo laboral, hai unha sintonía perfecta. A filosofía segue sendo a mesma.

O problema é que se logra formar goberno e chega isto, que é un mazazo para calquera plan e medidas a aplicar. Penso na subida do salario mínimo, a reforma laboral.

Claro, isto é como se ti acabas de sacar o carnet de conducir e tes que levar á familia a Moscú. É algo que se te ven enriba que ademais limitará moito tempo porque o gasto e alcance do COVID-19 non o sabemos aínda.

Saímos dunha crise, con moitos colectivos perxudicados, e agora chega o virus.

Son crises moi distintas, na outra non houbo un programa de ERTEs nin de coberturas como hai agora. Tanto as causas, como a velocidade e dimensión que adquiriu, é como subir unha montaña cun desnivel dun 30%. A outra era un longo percorrido dun 5%. Non hai nin punto de comparación. Agora o compromiso do Gobero é tal que está protexendo ós máis perxudicados. Que nun mes se poida afrontar a gran maioría dos pagos, aquí case o 100%, a millóns de persoas, di moito. 

Podemos sacar algunha lección de todo isto?

Sempre se sacan leccións do malo, máis que do bo. As circunstancias boas non te fan reflexionar, isto fai que exprimamos todo. Penso por exemplo no teletraballo, que non é preciso que todos estan presencialmente.

Preocupa o aluvión de desemprego que se pode vir enriba?

Claro que o paro sempre preocupa. Eu quero crer que unha gran maioría sexa temporal, pero é certo que hai sectores que terán moitas dificultades para recuperar a normalidade, iso sen dúbida.

Bota de menos a política local?

Nunca me despeguei dela, sempre estou para o que necesiten. Pero no SEPE estou moi ben. 

Te puede interesar