O Centro Dramático lembra a Vidal Bolaño con 'Días sen gloria'

Manuel Manquiña e Manuel Guede. (Foto: M. PINAL)
Cando fai 11 anos do seu falecemento e tan só uns días antes de que o Día das Letras Galegas o lembre en tódalas súas dimensións, o autor teatral Roberto Vidal Bolaño volverá á vida a través de Manuel Manquiña e Eva Souto, que representarán no Teatro Principal 'Días sen gloria', a historia de dous antiheroes que comparten unha viaxe sen retorno polo Camiño de Santiago. A montaxe do Centro Dramático Galego (CDG) vén de estar un mes no Salón Teatro compostelán acadando grande éxito de público, e inicia en Ourense a xira por Galicia.
Os primeiros en gozar do texto de Vidal Bolaño serán os veciños do Barco de Valdeorras, cunha función no teatro Lauro Olmo o próximo venres, e un pase para escolares ás 11,00 horas de mañá. Non será ata o domingo cando a cidade asista á versión dirixida por Fefa Noia dun dos textos máis aclamados de Vidal Bolaño.

Á presentación das representacións ourensás acudiron onte na cidade o director do CDG, Manuel Guede, e o protagonista, Manuel Manquiña, quen recoñeceu que mantivo 'diferencias profesionais' co autor e que agora, cando 'maduramos todos', é capaz de ver a obra de Bolaño doutro xeito. As entradas están xa á venda a un prezo de entre 6 e 12 euros.

Te puede interesar