O Centro de Loita contra o Lume de Toén, referente europeo

O conselleiro González (centro) no acto no CILL de Toén.
photo_camera O conselleiro González (centro) no acto no CILL de Toén.
O Goberno galego leva invertidos máis de tres millóns nesta infraestrutura da provincia de Ourense

“Pretendemos que este centro se converta nun centro de referencia a nivel europeo na formación de bombeiros forestais, non só de Galicia, senón tamén do conxunto do territorio nacional”. Esa foi a conclusión á que chegou o conselleiro de Medio Rural, José González, na súa visita ao Centro Integral de Loita contra o Lume, localizado no concello de Toén. González quixo destacar o traballo que se está realizando a favor “dun servizo modélico como é o de prevención e extinción de incendios forestais de Galicia”.

Está emprazado na localización do antigo hospital psiquiátrico, conta con máis de 10.000 metros cadrados de edificacións que se están recuperando actualmente xunto ás 90 hectáreas da contorna, co obxectivo de facer “un centro de referencia de formación de bombeiros forestais a nivel europeo”. O titular de Medio Rural destacou que a Xunta fixo un investimento de máis de 3 millóns de euros no centro integral, na procura de dotalo de operatividade. 

Neste sentido, González indicou que actualmente xa están en funcionamento a pista de formación física dos bombeiros e o adestramento de condutores de motobombas e todoterreo.

No mesmo acto, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou en clave política a aposta da súa formación cos servizos no medio rural e contrastouno coas políticas do presidente en funcións e candidato á nova sesión de investidura, Pedro Sánchez. Prado fixo gala de que os populares gobernan no 60% dos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes, o que lle serviu para proclamar que “o presidente Rueda demostra cada día que está no rural”. “Seis de cada dez galegos benefícianse do bo facer na xestión que nos caracteriza”, agregou.

Te puede interesar