Coordinador artístico de ‘Sen batuta’

Cibrán Sierra Vázquez: ‘A música de cámara é para todo o mundo’

‘Queremos desmentir o mito de que a música de cámara é só para elites’. Este é un dos principais obxectivos de ‘Sen batuta’. A segunda edición comeza hoxe.
Dez concertos en dez meses con formacións de prestixio internacional chegadas dende Estados Unidos, Xapón ou Israel. ‘Sen batuta’ comeza hoxe unha nova andaina da man da concellería de Cultura do Concello de Ourense. Cibrán Sierra Vázquez é o coordinador artístico deste ciclo.

Cales son os principais obxectivos de ‘Sen batuta’?

Queremos achegar a música de cámara ao público xeral e desmitificar que este tipo de música é para elites. Para escoitar un concerto non é necesario ser ningún experto, tan só achegarse con ganas de desfrutar.

E como se logra iso?

Son varios factores. Os prezos son moi asequibles: entre tres e seis euros por actuacións nas que en outros lugares estase pagando ata 50 euros. A isto hai que engadirlle a calidade dos participantes xa que imos contar con formación recoñecidas a nivel internacional. Ademais, están as charlas-coloquios.

En que consisten?

Sempre son previas aos concertos (e gratuitas) e nelas os participantes teñen a oportunidade de poder falar, charlar e interpelar aos artistas que despois van escoitar. E unha oportunidade extraordinaria, inhabitual neste tipo de ciclos. Deste xeito, os intérpretes achéganse de ‘ti a ti’ ás persoas para as que minutos máis tarde actúan. Aínda que a priori poida pensarse o contrario, aos músicos (entre os que me inclúo) non nos gusta a etiqueta que nos colgan de maestro, coma se tivéramos unha aurea especial.

Nese acercamento ao público tamén se inclúe o material didáctico para os máis novos.

Así é. Coordinado pola profesora Mercedes Lozano, o proxecto educativo permite por a dispor dos centros de ensino fichas didácticas, propostas de traballo nas aulas, concursos e actividades para implicar á comunidade educativa. Dentro da filosofía de achegamento da música de cámara ao público xeral, é fundamental contactar cos máis novos. E de feito, na edición anterior tivemos máis de 300 rapaces nos concertos.

Que destacaría do programa deste ano?

Todas as formacións son de gran calidade, do mellor que hai en Europa. Por iso, eu atreveríame a dicir que se trata dun dos ciclos de música de cámara de máis interese do estado español. Por Ourense pasarán, por exemplo, PercaDú, un dúo de percusión israelí que tocaron como solistas na New York Philharmonic Orchestra. O desta tarde, Callino Quartet, é un dos cuartetos máis recoñecidos na actualidade en Europa.

‘Sen batuta’ prolongarase ata o próximo mes de xuño. Por que se obtou por organizar os 10 concertos ao longo de todo o ano?

Por dúas razóns: porque cremos necesario que haxa unha programación cultural de calidade constante e porque queremos fidelizar público. A experiencia do ano pasado demóstranos que, se alguén ven a un concerto, despois repite ao mes seguinte. O máis complicado ás veces é lograr o primeiro contacto.

’Unha oportunidade única para os ourensáns’

A segunda tempada de ‘Sen batuta’ foi presentada onte pola concelleira de Cultura, Isabel Pérez, e o coordinador artístico do ciclo, Cibrán Sierra. No acto incidiuse na importancia de ‘democratizar un estilo de música que é, para moitos, un gran descoñecido’. ‘E unha oportunidade única para os ourensáns para gozar dos mellores intérpretes do panorama nacional e internacional’, sinalou Isabel Pérez.



Te puede interesar