OTERO PEDRAYO

Un ciclo de conferencias lembrará a Otero Pedrayo

<p></p>
photo_camera Alfonso Vázquez Monxardín e Juan Luis Saco, da Fundación Otero Pedrayo, no Liceo.

Haberá unha ofrenda floral no cemiterio polo aniversario do seu pasamento

Co gallo dos 40 anos do pasamento de Otero Pedrayo, a Fundación que leva o seu nome innova cunha programación que se levará a cabo os sábados de abril, no Liceo, pero en horario matinal, ás 12,00 horas, a diferencia do que ven sendo habitual para as conferencias. Afonxo Vázquez Monxardín e Juan Luis Saco, da Fundación Otero Pedrayo, sinalaron que "esta data sírvenos de excusa para darlle un novo pulo á figura deste ilustre galego, que sempre estivo moi ligado á cidade, e non só a Trasalba".

Alonso Montero será o encargado de inaugurar as xornadas mañá,sábado, abordando, ao mesmo que o fará Carme Fernández o 23 de abril, a faceta más clásica: a de escritor. Laura Tato, o 16 de abril, fará alusión a un guión cinematográfico escrito por este autor e a súa vinculación co cine; e o 9 de abril, será a propia voz de Otero Pedrayo a que aterre no Liceo. Poderase escoitar a conferencia que ofreceu no ano 1959 no Centro Ourensán de Bos Aires, onde fai un repaso das terras e xentes de Ourense. "Consérvase unha copia cunha boa calidade de son, e pensamos que podería ser interesante escoitala", según Vázquez Monxardín, quen engadiu que "se a resposta do público é boa, podemos seguir facendo cousas en Ourense, entre elas recuperar as grandes conferencias que Otero Pedrayo ofreceu. Ademais estamos abertos a calquer suxerencia".

O programa recolle outros dous actos. O 9 de abril, ás 11,00 horas, haberá unha ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, con interpretación musical de dúas alumnas do Instituto das Lagoas. E o propio día do aniversario, o domingo 10 de abril, terá lugar, ás 9,30 horas, unha misa na honra de Ramón Otero Pedrayo, cunha forte pegada histórica; xa que foi o propio intelectual galego, xunto co Xocas, quen no ano 1968 promoveu a misa en galego. O encargado de celebrala será Serafín Marqués, quen xa participara daqueles primeiros oficios en galego, ao igual que o fixera a Coral De Ruada, presente tamén o 10 de abril. A clausura do ciclo de conferencias correrá a cargo, o 23 de abril, do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. E na primeira semana de maio presentarase o libro de Santiago Lamas e Alfonso Mato, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2015.

Te puede interesar