CIMO pon en marcha un Programa Integrado de Emprego, co obxectivo de lograr a inserción de 45 mulleres

Persoas participantes no Programa Integrado de Emprego e CIMO 2022/23
photo_camera Persoas participantes no Programa Integrado de Emprego e CIMO 2022/23
Nas anteriores sete edicións, en CIMO conseguiron traballo ó 75% das persoas participantes,  superando o obxectivo inicial marcado

A asociación CIMO ten aberto o prazo de inscrición para o inicio  dun novo Programa Integrado de Emprego. Estes programas, que contan co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, están orientados a  mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas desempregadas anotadas na  Oficina de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso do programa que desenvolve CIMO, vai dirixido a 100 mulleres de Ourense, que se  atopen en situación de desemprego e desenvolverase ata o mes de novembro do 2024. 

O programa, combina itinerarios individuais de asesoramento para a busca de emprego e o emprendemento, con accións formativas, para mellorar as opcións de inserción das mulleres desempregadas, co obxectivo de alcanzar polo menos o 45 % de inserción laboral das participantes.

Durante o desenvolvemento do programa, as persoas participantes, contarán co apoio do  persoal técnico de CIMO que traballará con cada participante a través de titorías  personalizadas, para asesorar e orientar en materia de busca de emprego (Deseño de itinerario  persoal, orientación individualizada na busca de emprego, asesoramento para o autoemprego,  participación en procesos de selección, intermediación laboral con empresas).

Co obxectivo de mellorar as súas opcións nos procesos de selección e conseguir un emprego,  tamén se levarán a cabo accións formativas e prácticas en empresas, onde as mulleres participantes poderán adquirir os coñecementos, capacidades e habilidades nos sectores de  comercio, hostalería, administración, servizos.... 

O Programa quere poñer o foco nas accións de intermediación laboral a través da presentación  do programa ás empresas da contorna, e desta forma, coñecer as súas necesidades de persoal.  Informarase as participantes das ofertas de emprego para poñelas en contacto coas empresas,  e así darlle prioridade nos procesos de selección.

Dende o Programa faise unha aposta polo apoio a aquelas mulleres que desexen poñer en  marcha unha idea de negocio, desde o asesoramento para a elaboración do plan de empresa,  tramitación de documentación para a súa constitución ou información das posibles axudas e  subvencións adaptadas a cada proxecto. Tamén se poderán beneficiar dun servizo de asesoría gratuíto durante os tres primeiros meses da súa actividade, así como de accións de difusión do  seu negocio na prensa escrita e nas redes sociais.

Póñense a disposición medidas de conciliación gratuítas, para facilitar a participación nas  accións do Programa, como o abono dos gastos de manutención derivados da asistencia en  escolas infantís dos nenos e nenas de 0 a 3 anos, a atención gratuíta dos nenos/as de 3 a 12 anos, fora do horario escolar, en ludotecas ou centros de ocio infantil, ademais de contar cunha  bolsa de 10€ por cada día de asistencia as accións do programa.

Aquelas mulleres interesadas en participar, poderán consultar a información e solicitar a súa  participación a través da páxina web de CIMO (www.cimo.org) ou no teléfono 988391515

María Victoria Conde Fuentes: “Axudáronme a orientáronme no proceso de constitución da miña idea de negocio"

María Victoria Conde Fuentes
María Victoria Conde Fuentes

Victoria é licenciada en Dereito e foi unha das beneficiarias do Programa Integrado de Emprego de CIMO 22/23. No seu caso acudiu a CIMO “buscando axuda e información fiable para montar o meu propio estudio xurídico”. As persoas técnicas, por medio do asesoramento e orientación individual “axudáronme e orientáronme no proceso de constitución da miña idea de negocio, e facilitáronme información das axudas para persoas emprendedoras”. Esta nova emprendedora, tamén se beneficiou da publicidade e da impresión das tarxetas de visita a cargo do Programa. Victoria destaca sobre todo “a axuda e o trato recibido por parte das persoas técnicas do programa”.

Mirian Rivero Iglesias: “Gracias ao Programa Integrado estou traballando"

Mirian Rivero Iglesias
Mirian Rivero Iglesias

Mirian considerou a súa participación no Programa Integrado de Emprego como unha oportunidade máis para buscar traballo, e como ela afirma, “gracias ao Programa Integrado estou traballando”. O persoal técnico levou a cabo con ela varias sesións de orientación para definir o seu obxectivo laboral e mellorar os procedementos de busca de emprego. 

Participou na formación de ventas e atención ao cliente, a través do cal realizou prácticas nun supermercado, no que se quedou a traballar. Á pregunta de se recomendaría a participación no programa  a outras persoas, comentou “o programa está moi ben organizado e o trato das persoas  técnicas foi moi bo. Creo que é unha gran oportunidade para as persoas que queren  encontrar traballo”.

CIMO

CIMO é unha entidade declarada de utilidade publica, situada na cidade de Ourense. Ten  carácter de organización non gubernamental, e a súa misión e a de prestar servizos de carácter  gratuíto no ámbito do autoemprego, emprego, formación, inserción laboral...co fin de dar  resposta o problema do desemprego, promovendo actuacións que permitan a inserción sociolaboral dos desempregados/as, con atención especial aqueles pertencentes a colectivos  vulnerables ou de exclusión social.

Te puede interesar