A directora de Sarabela arremete contra a xestión cultural do Concello

'Coa supresión do Fito a cidade perde potencial'

É definitivo: o Festival Internacional de Teatro de Ourense non celebrará a súa sexta edición, polo menos este ano. Hoxe mesmo conclúe o prazo para que os organizadores de festivais opten ás axudas de Agadic e, para isto, precisan informes detallados de tódalas institucións participantes e os importes que aportarán cada unha. A directora do grupo Sarabela e do Fito, Ánxeles Cuña, explicábao engadindo que 'a día de hoxe non temos ningún documento do Concello'.
Os encontros entre as dúas entidades comezaron en xaneiro e as liñas de compromiso foron variando dende entón, en palabras dos responsables do certame. Conscientes das dificultades e dos recortes económicos, Cuña asegurou que é a 'falla de concreción' por parte da Concellería de Cultura o que os leva a tomar a decisión. Nunha rolda de prensa na que estivo xunto ós compañeiros de Sarabela Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago e Elena Seijo, a directora teatral criticou que 'non se entende este nivel de incompetencia na xestión cultural', posto que 'hai pagos pendentes' da quinta edición. Deste xeito, son algo máis de 30.000 euros os que o Concello aínda non formalizou co Fito, ademáis de 1.400 da pasada Moti (celebrada en decembro de 2012) e 18.000 da Miteu (abril).

Coa supresión, 'economicamente nós perdemos moi pouco pero a cidade perde potencial de desenvolvemento', precisou Ánxeles Cuña. A este respecto, a concelleira de Cultura, Ana Garrido, mantén a existencia dun compromiso por valor de 51.000 euros, se ben non aclara se se fixo ou non por escrito. Para ela, os problemas con Sarabela xorden máis pola cantidade ofrecida como compañía residente que pola aportación ó Fito. Así, lembra que no 2012 o grupo recibiu '218.000 euros', algo que o grupo considera 'enmascarar' a realidade, posto que eses fondos foron para unha producción e para os gastos dos participantes nos festivais, non para eles.


DEVOLUCIÓN DUNHA AXUDA

Ana Garrido aludiu á devolución dunha axuda de 7.000 euros ó Instituto Nacional de Artes Escénicas por non ter cumprido un dos requisitos na pasada edición. Ánxeles Cuña recoñeceu un erro por reprogramacións de última hora entendendo que agora houbera que descontalos da aportación municipal.

Te puede interesar