Grupos de desenvolvemento rural da Baixa Limia, Celanova, Ribeiro e Carballiño optan a axudas

As comarcas miran a Europa para consolidar o emprego

Un momento da xuntanza dos directivos do grupo O Vieiro-Leboreiro, celebrada en Celanova. (Foto: MARCOS ATRIO)
A xunta directiva da Asociación O Vieiro-Leboreiro, xestora para as comarcas de Baixa Limia e Terra de Celanova dos fondos europeos e axudas Leader 2007/2013, celebrou esta semana a xuntanza para a aprobación do estado de contas no primeiro trimestre 2011, así como os novos expedientes a remitir a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
O Grupo de Desenvolvemento Rural 16 aprobou, no que vai de ano, 20 proxectos aos que lles corresponde unha axuda pública de 1.147.408,29 euros ao abeiro do programa Leader 2007/2013. 'Trátase de proxectos relacionados ca recuperacións de espazos comúns no rural, de ámbito social e melloras empresariais, o que permitirá crear e consolidar postos de traballo en ambas comarcas', subliñaba o seu presidente, José Antonio Armada, quen engadía que 'no escaso ano de funcionamento da oficina, lévanse tramitados 49 expedientes, 27 de carácter productivo e 22 non productivos'.

Na xuntanza acordouse tamén a participación na preparación e desenvolvemento de catro proxectos de cooperación entre GDR de toda a península. Temáticas que varían dende a creación dunha 'rede de agro-restaurantes' a nivel estatal, á mellora dos recursos naturais vinculados ao termalismo ou o fomento entre a cidadanía do consumo de productos derivados do sector primario.


O CARBALLIÑO-RIBEIRO

No Grupo de Desenvolvemento Rural GDR-9, que xestionan os fondos para ás comarcas do Carballiño e O Ribeiro, un total de 21 proxectos optan aos 667.882 euros presupuestados para este ano (dos 3.590.178 euros globais). Actuacións promovidas por institucións públicas, particulares ou asociacións que están relacionados coa dinamización do sector agrario e forestal, a mellora ambiental e do contorno rural e ca diversificación da economía rural e mellora da calidade de vida.

Da totalidade dos 21 proxectos, Agader aprobou unha reforma para unha empresa adicada ó ocio no camping de Leiro e a introducción de novas técnicas de producción nunha industria agrícola de Castrelo de Miño. Ademáis, tamén foron subvencionados a promoción mediante folletos, páxina web e material de difusión do programa.

O total do orzamento dos proxectos con informe de control de elixibilidade favorable a día de hoxe é de case 3,5 millóns de euros, o que se traduce en máis de 1 millón de euros en subvencións, no caso de recibir a aprobación definitiva por parte do Agader. 'Esto significa que a oficina está cumplindo o seu obxectivo de adicar as cantidades asignadas ó noso territorio na súa totalidade', apuntó Rodrigo González, técnico da oficina. A execución dos mesmos implica o compromiso das empresas productivas da creación mínima de 10 novos postos de traballo directos.

No que vai de ano, na sede de Leiro, se recolleron seis novas solicitudes, algunhas delas como a creación dun centro de novas tecnologías en Arnoia, un multifuncional e un mirador en Avión, acaban de recibir o visto bo da directiva.

Te puede interesar