MÚSICA

Cristina Pato terá cátedra na New York University

Ourense. 24-06-14. Local. Concerto de cristina Pato na praza maior de Ourense.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Cristina Pato, durante unhas festas en Ourense.

Abordará a invisibilización da música galega: "Porei un dedo na iaga"

nnn   Cristina Pato ocupará no vindeiro curso académico 2019-2020 a Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española na New York University (NYU). Precédenlle nesta importante distinción escritores como Antonio Muñoz Molina, Juan Goytisolo, Claudio Guillén ou Francisco Ayala; e hispanistas como sir John Elliott ou Sir Raymond Carr. É a primera músico que accede a un posto creado en 1983 e cuxo obxectivo é "integrar a España en eidos nos que históricamente foi marxinada, como a economía, a filosofía ou as ciencias políticas". No Liceo, a artista ourensá explica a "honra" que supón esta cátedra. Un fito máis na súa traxectoria como gaiteira, pianista, educadora, escritora e produtora. "Este ano cumpro vinte anos de carreira profesional. Creo que o que máis me enche de orgullo é o meu xeito de entender a miña vida na música", conta mentres o teléfono non lle deixa de soar con parabéns e entrevistas. 

Esta cátedra supón que durante o ano académico Cristina Pato desenvolverá un programa sobre diferentes materias arredor da cultura española, para ofrecer unha formación complementaria á impartida na propia universidade. Pato centrará a súa actividade na New York University nas músicas invisibles do norte de España. En concreto, na galega, vasca e sefardí. "Para min é un xeito de poñer un dedo na iaga. Levo 16 anos vivindo nos Estados Unidos e o feito de ter que colocar a Galicia constantemente no mapa, ter que explicar que aquí tamén hai gaitas e que a gaita galega non é a única do Estado, é algo que me fai pensar constantemente en como axudarnos a nós mesmos. Hai que mostrar a diversidade cultural e lingüística do noso país fóra das nosas fronteiras", apunta. 


A memoria cultural, en risco


Sobre a dureza do concepto de "invisibilización" da música galega anota que "pode soar forte pero cando vas fóra a imaxe que teñen probablemente esté moi alonxada do que é a música galega. Moitas veces é sorprendente ver como se sorprenden do feito de que aquí a gaita sexa un instrumento nacional e que os gaiteiros levemos 20 anos de carreira profesional". 

A memoria, un concepto que liga á música, ocupará a súa atención dentro deste programa. "Temos un problema grave de perda de memoria cultural na sociedade. Quizas en Estados Unidos é evidente co tema da emigración, pero no noso país non estamos tan alleos", sentencia. 

Unha investigación sobre a memoria e a identidade
A demencia da súa nai dende hai sete anos levou a Cristina Pato á investigación do concepto da memoria e da perda da memoria dende unha motivación persoal. Pero os seus últimos traballos de investigación van máis alá e conectan a memoria coa identidade e coa sociedade. Estes temas, ou os lazos da música coa neurociencia, tamén serán tratados no marco da cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española da New York University que ocupará o vindeiro curso académico. A memoria é un concepto que a conecta, dalgún xeito, "coa xeración da miña nai e da miña avoa". 

Te puede interesar