Os celanovenses Raúl García e Bruno Nieto botan a vista varias décadas atrás para gravar unha serie de difusión virtual ambientada nos anos 50 e para a que precisan uns 4.000 euros financiados polo sistema 'crowfunding'.

Unha crónica negra feita en colectivo

Bruno Nieto e Raúl García son os responsables de facer realidade 'El quid'.
É unha homenaxe ó cine negro e ó mestre de mestres dentro do xénero, Alfred Hitchcock. Por iso, a historia comeza cun asasinato e un culpable, ó que hai que atopar entre varios sospeitosos que ollaban o corpo inerte do desencadeante da trama. Esa é a misión do inspector Ledesma, protagonista de 'El quid' e terá seis capítulos para brindar unha solución. Podía ser un guión de calquera escritor hollywoodiense, pero a idea xermolou en terra de poetas.
En Celanova naceron Raúl García e Bruno Nieto e alí voltan agora (ademais de á cidade de Ourense) para gravar esta serie, ambientada nos anos 50 que inicialmente pensa en internet como eido difusor para aproveitar o seu alcance mundial. O audiovisual e internet son dous espazos que os directores da producción coñecen ben. O primeiro chegou ata os Mestre Mateo coa curtametraxe de animación 'Nouturnio de Celanova' e dirixe actualmente o programa 'Casamos'. O seu compañeiro móvese pola rede dende hai ben anos, onde acadou recoñecemento creando a primeira serie pensada e emitida por internet.

'El quid' mira cara o pasado no seu argumento, na caracterización dos personaxes e nos escenarios, pero non nesa difusión virtual, nos métodos de producción ou na financiación. O termo 'crowdfunding' é de difícil pronunicación e entendemento de primeiras, pero a dificultade económica dos tempos e as innovacións en materia cultural van facendo que pouco a pouco nos teñamos que ir adaptando a el.

Do mesmo xeito que funcionan as cooperativas, nas que os beneficios se reparten en función das aportacións previas, niso consiste esta técnica, coa que Raúl García e Bruno Nieto buscan financiar o proxecto audiovisual. As colaboracións van dos cinco ós 400 euros e as recompensas estableceranse en función do que cada un abertamente queira ou poida dar.

A empresa que xestiona a financiación, dalles medio cento de días para acadar o obxectivo marcado de 4.000 euros (quedan 36). A estas alturas, superan os 1.000 euros de recadación.

Está habilitada a páxina web da serie (www.elquidlaserie.com) e tamén teñen practicamente definido o elenco de actores que lles darán vida ós personaxes. Os responsables da producción non queren adiantar aínda nomes, pero en poucos días ofrecerán tódolos detalles.

Coma os directores, ourensán é tamén boa parte do equipo. Xuntos percorrerán as rúas de Celanova e Ourense para facer realidade o proxecto. Se todo vai ben, a crónica negra dos anos 50 voltará nas primeiras semanas de novembro.

Te puede interesar