Os nove cubos da exposición de Nós xa están no Campus de Ourense

photo_camera A mostra, organizada por La Región, exhíbese no exterior do edificio xurídico-empresarial ata o día 31

A mostra, organizada por La Región, exhíbese no exterior do edificio xurídico-empresarial ata o día 31

A exposición “Nós naceu en Ourense hai 100 anos. 1920-2020”, organizada por La Región, chega hoxe ao Campus de Ourense despois de percorrer tódalas vilas da provincia, ademais da rúa do Paseo da capital, onde se inaugurou o pasado 30 de outubro. A mostra está composta por nove cubos ao aire libre que conmemoran o centenario da revista Nós, cuxos primeiros números se imprimiron no obradoiro de La Región. Son paneis ao aire libre, ubicados nos exteriores do edificio xurídico-empresarial, no Campus Sur, que poderán visitarse ata o próximo 31 de maio. A Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e Coren son patrocinadores desta iniciativa, que non só lembra a publicación, senon aos ilustres que escribiron nela e que elevaron Auria á Atenas de Galicia, os intelectuais da chamada xeración Nós. 

A xornalista Maribel Outeiriño, comisaria da exposición, presentará os nove cubos, nun acto ás 12,30 horas no Campus de As Lagoas. Estará acompañada por Esther de Blas, vicerreitora da institución académica, entre outras personalidades.

A comunidade universitaria e os cidadáns en xeral xa poden achegarse a esta ruta pola historia cultural e literaria de Galicia.

Un paseo, ou varios, pola historia da cultura galega que agromou en Auria

A mostra volve á capital despois de medio ano no que “Nós naceu en Ourense hai 100 anos” se converteu nunha exposición itinerante, onde a sociedade ourensá puido desfrutar da historia cultural de Galicia nos lugares máis emblemáticos de cada vila. Os nove cubos teñen textos, “simpáticos e amenos”, segundo a comisaria, Maribel Outeiriño, que ademais invita a ver os paneis con pausa. Este percorrido pola cultura galega admite varios paseos para desfrutar de deseños exclusivos da revista Nós, así como da vinculación da cidade á publicación centenaria e os seus ilustres, a xeración que fixo posible este fito.

O deseño gráfico da mostra é da autoría de Xurxo Baca, mentres que Alberte Paz se encargou do tratamento das fotografías. Agora, “Nós naceu en Ourense hai 100 anos” regresa á cidade, nun lugar tan simbólico para a intelectualidade que representou Nós como é a universidade. 

Te puede interesar