Unha páxina creada no Campus ourensá permite facer un percorrido virtual por San Cibrán de Lás, Santomé e Castromao

A cultura castrexa entra de cheo no mundo das novas tecnoloxías

A Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) presentou a semana pasada na Illa de San Simón unha iniciativa que permite visitar, sen moverse de onde estea un sentado, os principais castros do sur de Galicia e o norte de Portugal con só entrar na plataforma Creativa Cultural.
Enmarcado nun programa europeo, o proxecto centrouse en reproducir os conxuntos de vivendas prerromanas mellor conservados e máis estudiados en tres dimensións, que o usuario pode visitar de xeito virtual con só ter instalado no ordenador o complemento preciso para reproducir Google Earth. A maior parte do traballo levouse a cabo dende Ourense.

Na Escola Superior de Enxeñería Informática tiveron que montar o puzzle e poñer en pé altura, anchura e fondo de cada pedra que compón os castros de San Cibrao de Las (San Amaro e Punxín), Santomé (Ourense) e Castromao (Celanova), xunto a outros da provincia de Pontevedra.

Nas súas visitas documentais a cada un deles percibiron que o estado de conservación non era todo o bo que debería e que, nalgún dos casos, a vexetación abundaba máis cós restos arqueolóxicos.

O mellor conservado da provincia é, sen dúbida, San Cibrao de Las. Nos próximos meses, o Concello de San Amaro e, en xeral, a comarca do Carballiño, inaugurará o que será un 'pulo' para a zona no eido turístico e, polo tanto, no económico, segundo o considera o actual rexedor do municipio, Ernesto Pérez. Trátase da apertura do Centro de Interpretación da Cultura Castrexa de Galicia, sito ó pé do castro. Dentro dos seus 3.000 metros cadrados de superficie haberá unha exposición temporal sobre o legado dos prerromanos na Gallaecia, aulas didácticas, espacios expositivos e outros para facilitarlle o traballo ós arqueólogos. San Amaro e tamén Punxín, pois o castro abrangue os dous concellos, forman así parte da Rede Galega de Patrimonio, xunto ó centro rupestre de Campo Lameiro en Pontevedra, o megalitismo da Costa da Morte e a romanización lucense.

Aínda que considera que se ten feito moito na zona, o director do Museo Arqueolóxico e responsable do castro de Santomé, Xulio Rodríguez, cre que faltan actuacións.

A nivel global dos castros ourensáns entende que debería traballarse na 'limpeza e posta en valor', porque 'para poder divulgar hai que coñecer primeiro'. Para Rodríguez, Santomé sería 'susceptible dun pequeno centro de interpretación, pero non é o prioritario'. En xeral, o director do Museo Arqueolóxico está 'satisfeito' porque o castro tornouse un 'servizo á sociedade'.

Pero non todos se atopan no mesmo estado. O alcalde de Celanova, Antonio Mouriño, califica de 'desastrosa' a situación que está a vivir hoxe Castromao. 'Levamos dous anos sen convenio e sen poder atender nin as limpezas'. Aínda que existe un proxecto para converter a casa reitoral en centro de recepción de visitantes, hoxe, por mor da crise económica, 'non hai moita posibilidade' e, aínda así, 'intentaremos limpar o que poidamos'.

Te puede interesar