A ocupada axenda festiva do mes de agosto róuballe o protagonismo á actividade cultural que durante todo o ano enche a axenda dos ourensáns e a maioría de espazos da cidade frean a súa programación.

A cultura, pechada por vacacións

Público agardando para entrar ó Teatro Principal. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
Cando un turista chega a Madrid, sexa ou non un seguidor da arte, unha das visitas que leva claras nos seus plans é o Museo do Prado. Cando un turista chega a Madrid en agosto unha das ideas que non leva na cabeza é que o espazo poida estar pechado por vacacións. Cando un turista chega a Ourense, non trae na cabeza que a cultura poida estar de descanso, pero está.
En agosto, a axenda da provincia está ateigada de citas: festa do Pulpo, festa da Auga, festa... Pero, que hai dos espazos que durante todo o ano ofrecen actividades culturais? Pois que están de festa. Ourense pasou sempre por ser exportador de turistas, pero tódalas iniciativas termais, entre outros, teñen servido de reclamo e as cifras de visitantes van en aumento. O xefe da Oficina de Turismo do Concello, Juan Andrés Hervella, sostén que son moitos os que chegan preguntando pola oferta cultural. 'Dende aquí mandámolos ó Museo Municipal, á colección de trens, á sala de exposicións de San Francisco... e informámolos da oferta festiva que hai por toda a provincia', afirma. A día de hoxe, o Centro Cultural da Deputación está baleiro de exposicións temporais. No edificio, os turistas e ourensáns só poden visitar a colección de trens Pacheco-Outeiriño, de instalación permanente. A galería Marisa Marimón está tamén pechada durante todo o mes. No caso do Ateneo, a cafetería permanece aberta, pero, ó estar de vacacións os seus xestores, a actividade queda en suspenso.

En canto á programación de espazos que si teñen as súas portas abertas, o panorama non é máis activo. O teatro ou a música que durante todo o ano adoitan presentar o Teatro Principal e o Auditorio Municipal desaparecen durante o verán. Neste último, aproveitan o parón estival para realizar traballos de mantemento do propio edificio e deixalo a punto para un novo curso, mentres que no primeiro espazo a actividade comeza a despedirse en xullo e volve das vacacións a mediados de setembro, de non ser porque unha fiel cita anual volve acender os focos. Trátase da gala inaugural das Xornadas do Folclore.

A actividade no Museo Municipal, pola contra, non cesa e nestes momentos, manteñen a cuarta edición da mostra 'Os nosos fondos'. E quen a visita? Os turistas. Dende a entidade local aseguran que o número de visitantes non adoita variar en agosto, o que si cambia é o perfil do asistente. Se durante o ano son os ourensáns os que máis se achegan a el, no mes de agosto fano os foráneos.

Juan Andrés Hervella asegura que algúns dos turistas que pasan pola oficina de turismo, máis que queixarse, sosteñen que 'podería haber máis oferta'. Para el, os hosteleiros, por exemplo, deberían involucrarse máis na actividade de Ourense. Mentres tanto, sempre quedarán os concertos da Banda de Música na rúa do Paseo, 'que lle interesan moito ós turistas', di.

Te puede interesar