Hoxe haberá as dúas últimas funcións no Auditorio e nas rúas da cidade

Cuña: o Fito obtivo una resposta 'excelente'

Os galegos Voadora estiveron onte no Teatro Principal co número 'Super 8'. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
Cos últimos días do Festival Internacional de Teatro de Ourense chega o momento de facer balance.
A edición deste ano, a cuarta, comezaba cunha premisa clara: manter a calidade, cando non subila, a pesar das rebaixas orzamentarias que sofre o mundo da cultura. Costoulles catro espectáculos menos na programación, pero conseguírono e a mellor proba, coma sempre, é a resposta do público. A directora do Fito, Ánxeles Cuña, califícaa de 'excelente'. Con dous espectáculos aínda por escenificar, é complicado pechar os datos de público, pero en liñas xerais 'creo que se incrementou con respecto a edicións pasadas'. De feito, o día que menos público asistiu a unha función, compuxérono 135 persoas.

É un festival de teatro novo, con só catro anos de idade, pero a estas alturas é un 'certame consolidado', segundo indica Cuña. 'Sería desexable máis público, pero hai que ter en conta que algúns dos espectáculos coincidiron con outra programación da cidade', puntualiza. Iso, lonxe de supoñer un problema, 'serviranos para telo en conta en futuras edicións'.

Ánxeles Cuña radica o obxectivo do Fito na 'diversificación', materializada na mostra de 'un estilo distinto cada día'. A pesar de que pode que non guste todo, 'isto crea emocións moi diversas'. É algo que os espectadores agradecen, segundo indica a directora do festival e tamén da compañía Sarabela. 'O outro día tivemos unha persoa no público que non tiña vido nunca antes e deume as gracias varias veces ó rematar', relata.

Pero Ánxeles Cuña tamén ten feito un exercicio de autocrítica estes días. Dos 12 grupos que pasaron polo Fito, 'dous eran de calidade regular e iso é algo que non pode acontecer'. O motivo veu porque 'o orzamento non permite ver todo e algúns espectáculos hai que seleccionalos por vídeo, pero o teatro é algo que hai que ver en vivo', magóase Cuña, e continúa que ata esta cuarta edición, o listón do certame non ten feito máis que subir 'polos máis de 10 países que pasaron por el'.


COMPAÑÍAS DESTACADAS

Desta ocasión, a máxima responsable do Festival Internacional de Teatro de Ourense salienta a primeira das funcións, chegada dende Castela e León da man da compañía Teatro Corsario. 'Aullidos' era o título dun número de títeres pensado para adultos. Tamén lembra 'Dance me to the end on/off love', dos daneses Granhøj Dans, que encheron o Auditorio cunha mestura de artes coa música de Leonard Cohen como nexo.

Te puede interesar