CULTURA

Dacosta: “Amosamos o que foi sementado estos 20 anos"

photo_camera O director da Miteu, Fernando Dacosta.

A vixésima edición da Miteu arranca cunha proposta de catro espectáculos teatrais e musicais 

A Mostra internacional de teatro universitario de Ourense (Miteu) cumpre xa 20 anos, pero eso non é nada, como canta o vello tango. Foi unha aposta arriscada que naceu sendo unha mostra pequena, pero chea de intencións e gañas de poñer no mapa do mundo universitario á cidade. E á vista da gran festa teatral que comeza hoxe, non hai dúbida que non só o logrou, senón que superou as expectativas.

A xornada, como non podía ser menos e para comezar a conmemoración dos 20 anos, será, segundo explica o director da Mostra, Fernando Dacosta, "moi potente". Por unha banda, as dúas aulas universitarias de Ourense estrearán traballos; Rosaura, cun desfile polas rúas que será moi chamativo e no cal se prantexa unha reflexión sobre quen son os donos do tempo, algo así coma un "carpe diem". Cordelia, pola súa banda, suporá a primeira vez para moitos actores en canto subirse a un escenario como o do Teatro Principal, experiencia moi emocionante. "Tamén estamos seguros de que vai sorprender a actuación dos andaluces; e para rematar unha xornada completa, acabamos coa música do grupo Raindogs".

A Mostra Internacional de Teatro Universitario sempre buscou ser algo máis cunha sucesión de representacións teatrais. Apostou por ser un espazo no que facerse preguntas, aínda que non tiveran respostas; no que mostrar cómo era a vida noutras terras, noutras culturas e noutras situacións vitais moi diferentes; quixo crear esa pequena dúbida que sembra a necesidade de reflexionar e preguntarse polo mundo que tocou vivir. Nos desexos de Fernando Dacosta para esta mostra atópanse que "realmente os espectáculos sexan moi gratos para os espectadores, pero que a Miteu aporte coñecementos. Parece que estemos rodeados polo horror, o peche de fronteiras, parece que o individuo só mata e quere acabar con aquelo que pensa de maneira diferente. Nós queremos demostrar que se poden facer pequenas cousas en sitios pequenos que podan traer outros aires. Que se vexa que o ser humano fai outras cousas, que crea, e que quere convivir. A ver si somos capaces de sacar o peito, e non só durante a Miteu. Ese é o noso pequeno grao de area".

Toda a Mostra deste ano, que rematará o 30 de abril, e que conta coa presenza dos catro continentes, estará marcada polo aniversario. "Seguimos a traxectoria de contar con varios espazos e ofrecer un amplo abanico de estilos e xéneros. Haberá tamén unha exposición para lembrar estos 20 anos e outra de Manu Bravo sobre Honduras e a súa realidade. Dalgunha maneira, ofrecemos un cúmulo de elementos que foron sementados en distintas edicións", explica Dacosta.

E tampouco este ano faltou outro clásico da Miteu: a chegada a tempo dos visados. Por eso, finalmente a chilena Carolina Pizarro non poderá estar en Ourense, e o fará no seu lugar a compañía italiana Residui Teatro. E, de momento, dende Teherán parece estar todo en orden para a visita da compañía iraní.

Te puede interesar