EN MAREA

David Bruzos: "Na educación cada recorte é ideolóxico"

En Marea presentou en rolda de prensa as súas propostas programáticas en materia de educación

En Marea presentou en rolda de prensa as súas propostas programáticas en materia de educación.  O deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Xabier Ron, fixo unha diagnose da situación actual aludindo aos recortes en materia orzamentaria, demostrables nos 600 millóns de euros menos desde que Núñez Feijóo é presidente de Galicia.

"Mentres que se pechaban 500 aulas e máis de 100 escolas, mentres que se reducía a plantilla docente en máis de 1250 docentes, a dereita incrementaba unidades e docentes na privada a través dos concertos, de tal forma que o PP daralle a patronal privada 1.000 millóns de euros nesta lexislatura", denunciou Ron.

O deputado de AGE denunciou "o actual marco normativo derivado da imposición da LOMCE e a inoperancia da Xunta de Galicia" que abafou á comunidade educativa, mentres que o profesorado se queixa nestes días que hai dificulitades para ter actas de avaliación no XADE porque non está adaptado á LOMCE. Finalmente, aproveitou para denunciar "o enfoque elitista e mercantilista" que impregna o recente Libro Branco da Docencia encargado ao filósofo José Antonio Marina.

David Bruzos, o candidato número 1 pola provincia de Ourense realizou unha detallada exposición dos númerosos problemas causados por peches de escolas no rural ourensán Calvos de Randín, Éntoma, Larouco, Padrenda e Luintra, por redución de unidades no grupo escolar Ben-Cho-Sey no Pereiro de Aguiar, mentres que se financiaba un centro que se segrega por sexos.

David Bruzos manifestaba a “defensa do carácter gratuíto do comedor e do transporte escolar como elos esenciais para garantir unha educación pública de calidade, o mesmo ca os libros e o material escolar”. Do mesmo modo, o candidato de EN MAREA lamentou que “a estratexia de recortes derive nunha masificación  de aulas que imposibilita a debida atención a diversidade existente nas aulas.”

Por outra parte, Sofía Díaz, a candidata número 2 pola provincia de Ourense, fixo unha síntese das diferentes medidas programáticas que reafirman o compromiso de EN MAREA coa educación e a cultura, entendidas como un servizo público de calidade. A número 2 fixo fincapé na “necesidade de derrogar a  LOMCE, o Plan Boloña e as estratexias derivadas do mesmo, que inciden na mercantilización e empresarialización da nosa Universidade, de tal forma que o financiamento estrutural se recorta de forma constante (13,5 M€ nos Orzamentos da Xunta 2016) para que as universidades compitan entre elas no que é financiación por resultados.” Sofía Díaz insistiu na “ necesidade de que se recupere a educación en valores e que impregne o currículo para impedir que sigan avanzando os comportamentos insolidarios, ou aqueles que xustifican a violencia machista entre a mocidade.”

Te puede interesar