“Debemos pasar páxina pero non arrincala, hai que intentar non caer nos mesmos erros"

Ourense 17/12/17
Comparecencia ante los medios de los candidatos a las elecciones primarias por la secretaría provincial del PSOE en Ourense
Rafael Rodríguez Villarino,Noela Blanco
Fotos Martiño Pinal
photo_camera Noela Blanco.

Noela Blanco sométese a examen ante as principais preocupacións dos socialistas

 En que eixos debe cimentarse o PSOE de Ourense nesta nova etapa que inicia o partido?

O principal é a unión e integración, é clave estabilizar o partido e poñernos a traballar nas eleccións municipais, é o gran reto. 

Que é o primeiro que faría se resulta elexido como secretario provincial tras estas primarias?

Pechar as feridas. Todos debemos pasar páxina e ser conscientes dunha nova época, ter lealdade ó secretario ou secretaria provincial. Despois, de maneira conxunta, hai que facer as candidaturas para as locais.

Que destacaría do seu rival nesta segunda volta?

Sempre pensei que é un bo alcalde, pero hai que ter claro que non todo Ourense é como Amoeiro e me preocupa o descoñecemento que ten da provincia, é importante que non haxa improvisación. 

Por que considera que é a persoa adecuada para liderar o partido?

Creo que podo facer as cousas dunha maneira distinta, aporto unha visión de modernidade, e podo ser a primeira muller en liderar o partido e ofrecer unha nova perspectiva.

Haberá integración nos órganos directivos que configurarán en caso de gañar as eleccións?

Por suposto que haberá integración, non podemos pasar páxina e rematar coas liortas se a persoa que dirixe o partido non é o suficientemente responsable para unir. Hai persoas de moita valía, necesitamos os mellores.

Que necesita a agrupación da cidade de Ourense para recuperar o pulso?

Necesita estabilidade e integración, unha secretaría provincial que se implique. É un gran reto, a Deputación non se pode gañar se a cidade non ten forza.

É necesario negociar con Pachi Vázquez para lograr un pacto amplo ou a carreira debe ser libre?

Fun a única dos catro que hai que respectar o proceso. Non ía establecer un pacto con candidatos, o verdadeiro é coa militancia.

Fálase moito da importancia da Deputación para o proxecto do PSOE. Por que cre que é?

Somos a única provincia galega sen goberno progresista e iso nos fai moito dano. O maior freo de Ourense foi unha dinastía que se adicou a construir unha gran rede clientelar e anclar a provincia ó pasado. 

Que se pode sacar en positivo e que é preciso mudar dos últimos oito anos no PSOE ourensán?

Debemos pasar páxina, non arrincala porque hai que intentar non caer nos mesmos erros. Síntome orgullosa deste partido, con moitos compañeiros que quixeron facer o mellor por esta provincia. 

Confía en Gonzalo Caballero para liderar a nova etapa no PSdeG, cre que é a persoa adecuada para recuperar o pulso?

É quen escolleu a militancia e necesita tempo para desenrolar o seu proxecto. Sería inxusto prexuzgala agora, todos debemos ser capaces de axudarlle a construir unha alternativa a Feijóo. 

Te puede interesar