Ata 500 euros de axuda para o fomento da natalidade en Ourense

photo_camera Momento da Xunta de Goberno.
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe as bases do programa ChegOU, que conta cun orzamento de 300.000 euros

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, na primeira reunión presencial logo do remate do estado de alarma e baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou hoxe as bases que rexerán a concesión de subvencións para o fomento da natalidade, o programa ChegOU, que conta cun orzamento de 300.000 euros. 

A estas axudas, que xestiona a Área de Benestar da Deputación, poderán optar todas aquelas persoas que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do presente ano teñan un fillo, adopten ou accedan á tutela de menores. As contías das subvencións corresponderanse coa clasificación dos concellos en cuxo rexistro civil se inscriba o menor, é dicir, 300 euros no caso dos concellos sen prioridade demográfica (graos 0, 1 e 2) e 500 para aqueles con prioridade (grao 3). A solicitudes poderán presentarse desde o próximo 1 de xuño ata o 31 de decembro. 

Por outra banda e no ámbito económico, a Xunta de Goberno concedeu unha subvención á Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense por importe de 35.000 euros con destino aos congresos de Termatalia e Sportur e da feira Xantar. Tamén contaron co visto bo unha achega de 20.000 euros para gastos de funcionamento da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas; outros 6.000 euros para actividades do Colexio de Economistas de Ourense; e 75.000 euros para a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) con destino ao Plan ExportOU. Tamén a CEO recibirá outra subvención, valorada en máis de 43.500 euros, desta volta para o programa de empregabilidade feminina Reactiva Ourense, mentres que na área social a Fundación de Discapacitados Psíquicos Terras de Celanova contará cunha axuda de 40.000 euros para gastos de funcionamento. 

En cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de máis de 47.500 euros ao Concello de Cartelle para a mellora na rede viaria de San Pedro e Outomuro, así como 15.000 euros máis para o campo de fútbol de Salamonde, no Concello de San Amaro. Ademais, as mancomunidades de municipios das comarcas do Carballiño e do Ribeiro recibirán senllas axudas de 50.000 euros para gastos de funcionamento correspondentes a este ano. 

Nota: Por un erro na comunicación oficial sobre o programa ChegOu cifrouse a axuda máxima en 3.500 euros, cifra que posteriormente foi corrixida pola Deputación.

Te puede interesar