A Deputación mellorará o club de hípica de Coles

Susana Rodríguez, Manuel Baltar e Manuel Rodríguez, no campo de fútbol municipal.
photo_camera Susana Rodríguez, Manuel Baltar e Manuel Rodríguez, no campo de fútbol municipal.
Baltar e o alcalde reuníronse para abordar posibles vías de colaboración

O presidente da Deputación, Manuel Baltar visitou o concello de Coles, onde tivo un encontro de traballo co alcalde, Manuel Rodríguez e a tenente de alcalde, Susana Rodríguez, para abordar varias liñas de traballo abertas entre ambas institucións para mellorar infraestruturas e servizos públicos dos veciños deste municipio. O acordo principal saído desta xuntanza é que, na próxima modificación de crédito que fará o organismo provincial, destinarase unha partida para mellorar a escola de hípica municipal.

Despois de reunirse no Concello, Baltar, Manuel Rodríguez e Susana Rodríguez visitaron o campo de fútbol de Albán, que conta cun novo céspede artificial instalado grazas ás achegas do goberno municipal e provincial. “Unha obra importante para estar á altura da práctica deportiva neste municipio”, sinalou Baltar, que remarcou a importancia desta colaboración e avanzou novos proxectos: “Vimos cooperando en varios aspectos, non só en infraestruturas. De feito, na próxima modificación de crédito sumamos unha partida para melloras na escola de hípica municipal. E así, da man, seguiremos prestando os mellores servizos públicos”. Pola súa banda, o alcalde de Coles agradeceu a colaboración da Deputación pola súa implicación no desenvolvemento do concello. 

Te puede interesar