A derradeira voz de “Radio Pirenaica"

"La Pirenaica" mobilizou a moitos profesionais ligados ó PCE que chegaron a asentar a súa vida en Bucarest.
photo_camera "La Pirenaica" mobilizou a moitos profesionais ligados ó PCE que chegaron a asentar a súa vida en Bucarest.
Concha Limia é unha ourensá que hoxe vive no anonimato, pero a súa voz forma parte da historia de España, non en van as súas cordas vocais foron as que, o día 14 de xullo de 1977, emitiron as derradeiras palabras da emisora clandestina do PCE

O seu nome oficial era "Radio España Independiente" (REI). Sen embargo, ninguén -ou practicamente ninguén- a denominaba así, por máis que levase como apelido o de "la única emisora española sin censura de Franco". Todo o mundo que a escoitaba (mellor dito, que tiña arroutos para escoitala, porque o simple acto da escoita era un exercicio clandestino que podía dar cos osos do oínte na cadea), coñecíaa como "Radio Pirenaica", "Estación Pirenaica" ou simplemente "La Pirenaica" .

Perdida a guerra polo bando republicano e con aqueles dirixentes do Partido Comunista de España que non deixaran a vida na contenda, no exilio soviético, o seu comité central amparado pola Internacional Comunista , entendeu necesario crear unha emisora clandestina co obxectivo de difundir en España, a través das ondas, toda a información que dende o interior do país sería temerario emitir.

Foi co impulso de Dolores Ibárruri "Pasionaria" (que promoveu o epígrafe de "Radio Pirenaica" para que a xente pensase que se emitía dende moito máis cerca, ó outro lado dos Pirineos) e do poeta Rafael Alberti. Pero foi dende Moscú, a máis de 4 mil kilómetros de Madrid. E foi o 22 de xullo de 1941.

Ese día, mentres as tropas alemás comezaban a invadir a Unión Soviética, os comunistas españois exiliados na URSS lograron poñer a andar tan inxente aventura radiofónica, que durou 36 anos e que a modo de voz coral formada por ducias de traballadores no exilio, por centos e centos de corrresponsais clandestinos repartidos por todo o territorio nacional e por milleiros e milleiros de oíntes non menos clandestinos, mesmo transcendeu a Franco e sen a cal, a loita contra o franquismo e, polo tanto, unha parte da historia de España -e probablemente boa parte da transición democrática-, non se poderían entender.

Despois de Moscú e dunha fuxida cara unha cidade da República de Bashkiria por mor da II Guerra Mundial, no ano 1955 a sede da emisora asentouse nun palacete de Bucarest e dende alí emitiu durante 12 horas diarias, ata xullo de 1977, coincidindo coa constitución das primeiras cortes democráticas, con Dolores Ibárruri e Rafael Alberti na mesa presidencial.

Pois ben, na fin desa aventura tivo un protagonismo fundamental a ourensá Concepción Limia Nóvoa (ou Concha Cid, que así era o seu alias na emisora), xa que logo, despois deses 36 intensos anos, coa súa voz enxordeceu para sempre Radio Pirenaica aquel 14 de xullo de 1977.

Segundo escribe Luis Zaragoza no libro "Radio Pirenaica. La voz de la esperanza antifranquista", Concha Limia naceu en Ourense no ano 1946 e ós cinco anos viaxou coa súa nai e os seus irmáns a Buenos Aires para reunirse co seu pai.

Alí estudou maxisterio e tamén se formou como xornalista deportiva, e ademais de entrar en contacto coa progresista Federación de Sociedades Galegas bonaerense, chegou a afiliarse ó Partido Comunista Arxentino e mesmo a participar nuns campamentos de verán dirixidos polo Che Guevara.

De regreso a Galicia, en 1969 casa con Vicente González e xunto a el reside dous anos en Suíza, regresando de novo a Ourense onde mantén unha intensa actividade política dentro do Partido Comunista, que acaba levándoa a Bucarest, no ano 1976, para substituír ó tamén galego, Rogelio Gómez Pousa, como locutora da emisora á fronte dunha sección titulada "Dende Ribadeo a Tui", que se emitía precisamente en galego.

As circunstancias quixeron que formase parte do equipo de redacción da emisora aquel día de xullo de 1977 e os seus responsables -se cadra pola súa xuventude- decidiron que a súa fose a derradeira voz que se escoitou en Radio Pirenaica.

“Buenas noches, oyentes y hasta pronto, a través de los medios democratizados"

undefined

Unha ducia de anos despois da clausura de "Radio España Independiente" en Bucarest, en xaneiro e febreiro de 1989, Televisión Española emitiu tres documentais dirixidos por José Fernández-Carmenzana, nos que se relata a evolución da emisora dende o 22 de xullo de 1941 ata o 14 de xullo de 1977, entrevistando a un gran número de protatonistas, entre os que, loxicamente, se atopaba unha Concha Limia que, como locutora, presentábase no "éter" co alias de Concha -ou Conchita- Cid.

"El último texto que se emitió en La Pirenaica lo he leído yo", afirma, orgullosa, perante a cámara. "No sé cómo pude hacerlo. Tenía un nudo muy grande en la garganta, las palabras me salían a trompicones. Lo estaba leyendo y los ojos se me llenaban de lágrimas. Eran lágrimas de alegría por el trabajo hecho, por las horas de sacrificio -y de placer también-, por tener tantos amigos y tantos compañeros, tantos miles y miles de oyentes que nos alentaban y dirigían…"

Un texto que lle puxo o ramo a outros nos que o director da emisora, Ramón Mendezona e o galego Virgilio Fernández, reflexionaran sobre o que "La Pirenaica" supuxo na resistencia ó franquismo:

"Dentro de unos segundos dejaremos de estar en el éter. Con este motivo, los redactores y locutores que han trabajado en nuestra emisora durante los últimos meses, unen sus voces para hacer llegar a los que hasta estos momentos han sido sus oyentes en todos los confines de nuestra patria. Un cordial saludo y los mejores deseos de bienestar, democracia, concordia y progreso social. Por el socialismo en la libertad seguirán trabajando… (cada locutor pronuncia o seu nombre)… Y Conchita Cid, ‘Dende Ribadeo a Tuy’... Buenas noches, amigos oyentes. Hasta muy pronto a través de los medios de comunicación democratizados”. Finalmente, sonou a "Internacional" e logo fíxose o silencio.

De regreso a Galicia, Concha mantivo os seus contactos co PCE, chegou a ser candidata ó Parlamento Galego e ó Concello de Ourense, pero sempre en postos simbólicos. Hoxe dis que vive o seu retiro nun barrio da cidade con continuas visitas a Sanxenxo.

Te puede interesar