Desacordo entre PSOE e PP polo parque acuático

photo_camera Piscina de Monterrei. A primeira fase do parque acuático estará terminada, segundo a Xunta, en 2022. (FOTO: ÓSCAR PINAL)
Os socialistas xa cualifican ao proxecto como “promesa incumprida”

A conta do proxecto do parque acuático de Monterrei no concello de Pereiro de Aguiar, o Parlamento Galego viviu unha nova discusión entre PP e PSOE. Por unha banda, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, aseverou na súa intervención que a obra, cun orzamento de preto de 10 millóns de euros cofinanciados entre Xunta e Deputación, trátase dunha “mellora integral”. Tamén fixo un repaso ás distintas fases do proxecto, lembrando que a obra realizada na zona deportiva xa se atopa en pleno funcionamento, cun orzamento de 1,1 millóns de euros. Ademais,  informou da licitación da redacción do proxecto do parque acuático do que se derivan, á súa vez, dous proxectos de execución. Un para a fase 1 (entregado neste mes de abril) e outro para as fases 2, 3 e 4. A obra da primeira fase estará rematada, segundo as súas estimacións, en 2022. 

 Por outra banda, a deputada ourensá polo PSOE Carmen Rodríguez aseguraba que “Feijóo está máis preocupado por dirixir o PSOE en Ourense que en realizar os proxectos prometidos”, criticando que “case 5 anos despois do primeiro anuncio sobre esta infraestrutura, participaba na inauguración da mellora das instalacións deportivas e recoñecía que a Xunta non contaba con proxecto construtivo para as instalacións acuáticas”.
Polo tanto, e tralo que cualificaron como “propaganda a bombo e platillo”, o parque acuático de Monterrei sumaríase, segundo o PSOE, ao “catálogo de promesas incumpridas de Feijóo” en Ourense, “onde xa se atopan o Gran Hotel Balneario, o tan anunciado Ecobarrio ou o desenvolvemento do Plan Termal, cunhas pozas pechadas pola inoperancia de Jácome e a pasividade do PP”, defenderon. 

Te puede interesar