OURENSE

Desestimadas as alegacións das oposicións para a Policía Local

Dende Xinzo Adiante lamentan a non creación dunha comisión pública de seguimento para esclarecer o proceso. 

Logo de estudar as alegacións presentadas por varios opositores ao corpo de Policía Local de Xinzo de Limia, por considerar que se deron certas irregularidades no transcurso da proba teórica para a incorporación de dous novos axentes municipais, o tribunal avaliador decidiu por "unanimidade" desestimar a totalidade destas reclamacións.

Os responsables da vixilancia da proba: o xefe da policía de Xinzo, a secretaria e a interventora do Concello, un axente do corpo municipal de policía e outro do local de Ourense, ratificaron, entre outras, as puntuacións finais dos cuestionarios. No resto das alegacións, o tribunal remitiuse á acta de realización do exercicio tipo test e solicitou ao alcalde de Xinzo a convocatoria dunha Comisión Informativa de Persoal. O obxectivo da mesma é que os membros do tribunal teñan a oportunidade de "disipar calquera dúbida en relación coa súa actuación".

A mencionada comisión terá lugar o vindeiro martes, día 17 de outubro, ás 12,00 horas do mediodía. Está previsto que asistan o alcalde de Xinzo, acompañado de catro edís do grupo de goberno, así como os voceiros de Xinzo Adiante (XA), do BNG e do PSOE limiao. Dende XA lamentan a non creación dunha comisión pública de seguimento para esclarecer o proceso. 

Te puede interesar