ouff

Dez visións na competición oficial: de Ourense a México

A sección competitiva do OUFF acolle por primeira vez unha película rodada na provincia

Catro longametraxes rodadas por mulleres e catro óperas primas que vivirán a súa estrea europea a partir de mañá. Películas premiadas en festivais como San Sebastián, Cannes ou Berlinale forman parte da sección oficial que compite nesta edición número 23. A diversidade concursa no OUFF.


"Tódalas mulleres que coñezo", Xiana do Teixeiro


É a primeira vez que unha película filmada en Ourense–e con algunhas localizacións en Lugo–compite na sección oficial. Trátase do documental  "Tódalas mulleres que coñezo", da galega Xiana do Teixeiro. Chega tras recibir premios en festivais de Madrid, Cádiz ou Vigo. É unha autocrítica a cuestións de lamentable actualidade como o acoso, a violencia sexista e a desigualdade entre homes e mulleres. Proxéctase no Auditorio en dúas sesións: o día 2 ás 18,00 horas e o día 3 ás 20,00 horas.


"Memorias de un hombre en pijama", Carlos Fernández Vigo


Outra das novidades en 23 anos de historia do OUFF é a primeira película de animación que compite no festival. "Memorias de un hombre en pijama", baseado na tira cómica de Paco Roca, é a primeira longametraxe de Carlos Fernández Vigo. Un corentón logrando o seu soño de infancia: traballar dende a casa e en pixama. Póñenlle voz aos personaxes Raúl Arévalo e María Castro. Proxéctase no Teatro Principal en dúas sesións: o día 1 ás 22,30 horas e o día 4 ás 18,00 horas.


"Cría puercos", Ehécatl García


O mexicano Ehécatl García chega ao OUFF coa súa ópera prima "Cría puercos". Conta como Esmeralda, que vive soa nunha pequena aldea na serra, atopa unha compañeira inesperada: unha porquiña á que decide coidar. A actriz, Concepción Márquez, foi premiada no Festival Internacional de Cine de Guadalajara. A estrea será no Auditorio: ás 22,30 horas o día 30 e ás 18,00 o día 1.


"Ayúdame a pasar la noche", José Ramón Chávez Delgado


Outra ópera prima mexicana. "Ayúdame a pasar la noche" é un drama dirixido por José Ramón Chávez Delgado que retrata a unha familia en crise pola adición ao xogo da nai. Preséntase no Auditorio, o día 1 ás 22,30 horas e o día 3 ás 18,00.


"Mug", Malgorzata Szumowaka


Gañador do gran premio do xurado na última Berlinale, "Mug" é un drama da recoñecida cineasta polaca Malgorzata Szumowska, que parte do trasplante de cara dun mozo nunha pequena aldea de Polonia, que saca a luz un lado oscuro. Preséntase no Auditorio o día 30 ás 20,30 horas e o día 2, ás 22,30.


"Capharnäum", Nadine Labaki


A primeira película en recibir o premio á cidadanía do festival de Cannes chega a Ourense. A libanesa Nadine Labaki trae a historia de "Capharnäum", un neno de cinco anos levado ante un xuíx por un acoitelamento. Poderá verse no Teatro Principal o día 1, ás 18,00 e ás 20,15 horas.


"The miseducation of Cameron Post", Desiree Akhavan


A última triunfadora do festival de Sundance e "Espiga de Plata" na Seminci, estará no OUFF. "The miseducation of Cameron Post", de Desiree Akhavan, presenta a unha moza orfa que vive coa súa tía evanxelista e se deita en secreto coa raíña do baile do instituto. Verase no Teatro Principal o día 30 ás 20,30 horas e o día 1 ás 18,00 horas.


"Kona fer i strio", Benedikt Erlingsson


Traducida como "A muller da montaña". É unha coprodución entre Francia, Islandia e Ucania que fala dunha muller de 50 anos que leva unha dobre vida como activista medioambiental. Poderá verse no Auditorio, o día 1 ás 20,30 e o día 3 ás 22,30 horas.


"Beast", M. Pearce


É a última sensación do suspense en Gran Bretaña. A súa actriz, Jessie Buckley, gozou de numerosos recoñecementos  con esta produción na que hai unha serie de brutais asasinatos. Verase o día 30 ás 18,00 horas e o día 2 ás 20,30, no Auditorio.


"Fishbone", Adán Aliaga


Este cineasta alacantino presenta a súa terceira película, un drama entre Nova York e a illa de Tabarca que poderá verse no Teatro Principal, o día 30 ás 18,00 horas e o día 4 ás 20,30 horas. 

Te puede interesar