Os candidatos eliminaron a actividade electoral e o PSdeG quedou sen o seu acto central ó que ía asistir Rubalcaba

Día de carpas pechadas e mitins suspendidos

Cartel informativo na carpa electoral do PP anunciando a suspensión da actividade política na xornada. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
Se nas últimas xornadas a tónica de ambiente dominante na cidade viña dirixida pola campaña electoral, esta só se deixou sentir onte de xeito moi lixeiro en Ourense, ó igual que aconteceu no resto de España, como mostra de solidariedade polo acontecido na localidade murciana de Lorca. As carpas electorais da rúa do Paseo permaneceron pechadas durante o día enteiro e os cidadáns só percibiron a continuidade da campaña nos retratos expostos en farolas, paredes e banderolas.
Nas primeiras horas da mañá, o presidente dos populares, Mariano Rajoy, anunciaba a suspensión dos actos electorais do seu partido. O representante do PP en Ourense, Rosendo Fernández, seguiu os seus pasos e cancelou mitins e comparecencias previstas tanto para a mañá como para a tarde. Un folio pegado na carpa informativa anunciaba a ausencia de actividade.

Tamén dende o PSOE, José Luis Rodríguez Zapatero rexeitaba continuar na procura de votos para os seus candidatos municipais e autonómicos para trasladar o seu labor ata a Comunidade de Murcia. Con el desprazouse o ministro de Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba. A súa presencia en Murcia impediulle achegarse ata Ourense, onde estaba previsto que ofrecera un mitin ó lado do secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, e do candidato por Ourense, Francisco Rodríguez. Era o único acto que o actual rexedor municipal tiña previsto para onte, por ser o mitin central da campaña. Un coche dos que normalmente emiten música do partido, anunciaba polas rúas que por solidariedade coas víctimas de Murcia, o evento non ía ter lugar. Polo momento non se sabe aínda se foi anulada ou aprazada a cita de Rubalcaba con Ourense. Membros do PSdeG aínda estaban onte a expensas da decisión que se toeme dende Madrid.

O BNG tamén pechou a carpa e suprimiu o mitin que tiña previsto na asociación de veciños Ponte Canedo onde, ademais da candidata, Isabel Pérez, debían intervir os seus compañeiros de lista electoral Noa Presas e Xosé Somoza.

Te puede interesar