Institucións públicas e privadas únense para conmemorar a efeméride

O Día das Letras integra libros, música e deporte

Aínda que o día grande das Letras Galegas é hoxe, a provincia entregouse á celebración da efeméride, dedicada este ano a Uxío Novoneyra, durante toda a fin de semana. Proba diso, foi o V Certame de Música Coral, en Maceda, no que participaron agrupacións de canto chegadas de Poio, Ponferrada e, por suposto, a coral Polifónica "Albricias", de Maceda. Na cidade, un dos actos conmemorativos máis concorridos foi o concerto que o grupo de folk ourensán "Ergóm" ofreceu na praza de San Marcial, onde se presentou o seu disco, "Fronkiria".
Os actos continuarán hoxe ao longo da provincia. Na cidade, a Asociación para a Prevención de Accidentes de Tráfico organizará a terceira edición de "Intergaliza", un programa de actividades que pretende achegar aos cidadáns outras culturas, como as do Sahara, Arxelia, Marrocos, Senegal, Exipto, Venezuela, Colombia ou Ecuador. O programa, que se desenvolverá ata o venres, inclúe para hoxe, ás 12 horas, un torneo triangular de fútbol no estadio do Couto, con xogadores de África, América e Europa. Para os seguintes días haberá conferencias sobre a situación sociopolítica de Xerusalén, xogos tradicionais e un festival musical na Biblioteca do Campus.

Pola súa banda, a Concellaría de Cultura exporá na rúa do Paseo os libros que o Concello editou nos últimos anos (máis de 250 publicacións), co obxectivo de que a cidadanía poida adquirilos. Seguindo a mesma tónica literaria, a Fundación Caixa Galicia porá en marcha a iniciativa "Desengaiolando libros", unha actividade coñecida como bookcrossing, que consistirá nun intercambio entre os libros particulares dos asistentes e as obras que a Fundación Caixa Galicia editou no último ano, no que figuran títulos de Casares, Ferrín o Suso de Toro.

Te puede interesar