INSTITUCIÓN

A Diputación aproba máis de 400.000 euros en axudas para cultura, infraestruturas e servizos sociais

Foi a deputada de Transparencia, Monserrat Lama, quen deu conta dos acordos da xunta de goberno provincial

A xunta de goberno da Deputación de Ourense aprobou un total de 451.294 euros en axudas a entidades e concellos da provincia para temas de cultura, infraestruturas e servizos sociais. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da xunta de goberno correspondente ao luns 7 de agosto.

En concreto, na reunión aprobouse unha axuda para a Asociación de Familiares de Persoas con Discapacidade Intelectual de Valdeorras, por importe de 6.000 euros, destinada a gastos de funcionamento da entidade correspondentes a este ano. Outra das axudas aprobadas foi para a Diócese de Ourense para a reparación do Tellado da Capela de San Ramón en Celeirós, no termo municipal da Teixeira, por importe de 11.598 euros. Para a Fundación Festa da Istoria, a xunta de goberno aprobou unha axuda de 16.000 euros e para Sarabela SL, aprobou unha axuda de 30.000 euros para a produción da obra infantil “O secuestro da bibliotecaria” e para a realización de MITEU 2017 e FITO 2017.

A xunta de goberno ratificou o convenio de colaboración entre a Asociación Clúster Empresarial de Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense, asinado o 7 de abril de 2017, polo cal a Deputación concede unha axuda de 25.000 euros para a realización dun encontro do Clúster en Ourense. Asemade, aprobou unha axuda directa ao Concello de Monterrei, na súa condición de entidade colaboradora, por importe de 2.500 euros, para o arranxo dun almacén incendiado no municipio.

No relativo á cooperación cos concellos da provincia, na xuntanza aprobouse unha axuda de 21.642 euros para a instalación dun centro TDT en Acebedo do Río. Para o Concello de Melón aprobou unha axuda de 13.553 euros para a mellora da rede eléctrica e iluminación pública en varios núcleos do municipio. Outra das axudas foi para o Concello de Oímbra por importe de 100.000 euros para o programa para a reactivación da economía rural e da rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda no municipio: revivenda rural. Por último, para o Concello de Riós unha axuda de 25.000 euros para o depósito de auga en Pedroso, e para o Concello de Toén unha axuda de 200.800 euros para a Casa Consistorial do municipio.

A xunta de goberno aprobou dúas modificacións do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017, unha delas relativa ao Concello de Pobra de Trives pola que, se incorpora ao plan principal a obra  “instalación de sistemas de contención nas estradas OU-0605 Pedra do Sol (OU-0606)-Parada do Sil (OU-0604)”, cun orzamento de 60.000 euros (Parada do Sil, A Teixeira e Castro Caldelas), en substitución da obra “acondicionamento e mellora integral na OU-0701”.

A outra modificación afecta ao Concello de Rairiz de Veiga que incorpora ao plan principal a obra “ensanche e mellora da OU-0214 Outomuro-Vilavidal”, cun orzamento de 60.000 euros, nos termos municipais de Cartelle e Ramirás, en substitución da obra “acondicionamento e mellora integral na OU-1114”.

Deporte

A xunta de goberno aprobou, en materia deportiva, dúas resolucións, unha delas relativa ao concurso para a concesión de axudas a entidades deportivas e sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos 2017, pola cal concede un total de 50.466,69 euros en axudas a 48 entidades de diferentes disciplinas deportivas. A outra resolución aprobada é da convocatoria do concurso para a concesión de axudas a concellos e mancomunidades de municipios para a organización de actividades físico-deportivas 2017, pola cal concede 59.000 euros en axudas para 118 actividades deportivas a realizar en diferentes municipios da provincia de Ourense.

Por outra parte, na reunión aprobouse estimar parcialmente o recurso de reposición da contra a resolución do concurso para a concesión de axudas a clubs deportivos do ano 2017 e desestimar o recurso potestativo de reposición contra a resolución da convocatoria do concurso para a concesión de axudas para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas correspondentes ao exercicio 2017.

Por último, desestimouse a alegación presentada contra a convocatoria de axudas a entidades sociais para proxectos de prestación de servizos sociais para o ano 2017.

Te puede interesar