Segundo os especialistas, o coleóptero altera a fotosíntese e expón á arbore ao ataque doutros insectos

Ecoloxistas e biólogos alertan do perigo de mortaldade en carballos atacados pola altica

Folla de carballo.
A altica, coleóptero que este verán volveu modificar a cor das carballeiras de Ourense, ao secar a folla das árbores, pode chegar a ser un insecto letal para a súa saúde. Segundo biólogos e ecoloxistas consultados, e algúns estudos das administracións públicas, a altica debilita o carballo en tal medida que incluso perturba as funcións vitais da árbore. Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Xinzo, Sarreaus, Trasmiras, A Merca, Barbadás, Cartelle, Toén ou Celanova son algúns dos concellos máis afectados pola praga.
A praga de altica, o insecto coleóptero que ataca a folla dos carballos, esténdese por distintos municipios de Ourense, cunhas potenciais consecuencias ou outras segundo quen diagnostique. Hai algunhas semanas, José Luis Chan Rodríguez, subdirector de recursos forestais da Dirección Xeal de Montes da Consellería de Medio Rural, arrefriaba o debate: ‘É unha praga moi alarmante, pero vitalmente para o carballo supón só unha merma no seu crecemento, en ningún caso un perigo para súa supervivencia. A altica non provoca mortaldades’.

Ecoloxistas e biólogos non comparten, porén, esa tibieza. Esteban Sinde Stompel, biólogo e enxeñeiro medioambiental, fundador de Hifas da Terra, empresa especializada en técnicas de restauración medioambiental, considera ‘erróneo’ non considerar a mortaldade como un efecto derivado do ataque da altica. De feito, ‘xa houbo mortalades nas carballeiras do Ribeiro, no período 1993-97’.

O debilitamento da árbore, como consecuencia da acción do coleóptero, implica que ‘non pode cumprir a función clorofílica en toda a súa dimensión’. Iso significa que carece das suficientes ‘reservas nutritivas para o vindeiro ano’. Cando chega febreiro, e as follas brotan dende as reservas do carballo, atopa grandes impedimentos. ‘Hai un decaemento que aproveitan outros insectos: os escolítidos’. Estos atacan e perforan a árbore, ‘e poden chegar a morrer. É un feito. Hai estudios ao respecto’, engade o biólogo.

Xan Carlos Fernández, membro da entidade ecoloxista Adega, subliña que ‘hai carballos que sufren a terceira praga’, e ‘un ataque continuado pode provocar a súa mortaldade’. Diego Fernández Vieitez, da asociación Verdegaia,enfiza que se ben é certo que o carballo é unha árbore ‘robusta’, cando é novo ‘amosa menor resistencia’ fronte ás pragas, co ‘conseguinte perigo’ para a súa vida.

Sandiás, Rairiz de Veiga, Sarreaus, Xinzo, Celanova, Trasmiras, A Merca, Toén, Cartelle, O Bolo, A Rúa... Cada vez son máis os concellos ourensáns afectados, coincidindo con climatoloxías extremas. Un estudo de 1993, elaborado por especialistas da Estación Fitopatolóxica ‘Do Areeiro’, en Pontevedra, e da Consellería de Agricultura, situaba a aparición da altica en 1981. Pero foi ‘a partir de 1988 cando se comezaron a observar os primeiros danos en intensidade na provincia de Ourense’. Trátase, segundo o informe, ‘dunha praga de grande importancia polos danos que causa, xa que esqueletiza en algúns casos o 100% da folla das árbores atacadas’. Isto ocasiona un debilitamento que ‘pode traducirse nun ataque doutros insectos, xilófagos, que poderían acabar matando os carballos’, aseguraba o informe. Daquela, sostiña que o control da altica podía efectuarse a través de fungos capaces de controlar as poboacións, e a partir de fumigacións específicas.

Te puede interesar