A Policía Local resístese a sancionar as imprudencias dos viandantes, e só cursa 20 multas ao ano

Entre educar aos peóns ou multalos

Xusto cando organismos como a Dirección Xeral de Tráfico suxiren a conveniencia de sancionar as imprudencias dos peóns para tratar de reducir o número de mortes por atropelos, a Policía Local de Ourense amósase máis partidaria de educar e corrixir. De feito, apenas cursa 20 sancións de media cada ano. A cidade, sinalan dende a Policía Local, ten a súa propia dinámica, e só coñecéndoa de preto se sabe qué medidas resultan eficaces. Por esa razón, descártase por agora intensificar as actuacións punitivas.
Para todo peón, o camiño máis rápido é o semáforo en vermello. En ausencia de semáforo, todo lugar afastado do paso de peóns resulta igualmente rápido. Un peón sempre cre que hai marxe para alcanzar a outra beirarrúa. Nese instante, cando manobra para chegar ao outro lado, aparece o vehículo e mátao. Fin da historia. Os atropelos son moitas veces o relato dun exceso de confianza, e nalguns casos, dunha morte.

No que vai de ano, faleceron en Ourense tres persoas, segundo a Subdelegación do Goberno de Ourense. Dúas en estrada, e unha en centro urbano. A provincia vai camiño de cumprir coa media. En 2008 faleceron seis viandantes, e en 2007, cinco.

Convén distinguir entre atropelos en estrada e atropelos en zona urbana. Nos primeiros, habitualmente suscítase un problema de visibilidade. Nos segundos, de imprudencia, tanto dos condutores como dos peóns. A responsabilidade, segundo fontes da Policía Local, ‘repártese nun 40% para os condutores, noutro 40% para os viandantes, e nun 20% para casuísticas alleas a uns e outros’.

No caso do tráfico rodado, as accións irresponsables e antirregulamentarias están, porén, cada día máis perseguidas. Pero, e os peóns? O control do tránsito a pé a cotío deixa ao descuberto unha zona gris: precisamente os peóns. Por regra xeral as súas infraccións fican á marxe das sancións administrativas. A Garda Civil de Tráfico, en cambio, multa a 140 condutores cada día en todas as estradas de Ourense.

Multar ou non multar a peóns. Este é un debate que emerxe periodicamente. A DGT invita a sancionar. En Oviedo, hai tres anos, instalaron radares para viandantes. En Ourense, en cambio, apenas multan a ollo a 20 peóns cada ano, segundo fontes da Policía Local, máis partidaria das advertencias que das sancións. ‘Na compoñente pedagóxica da advertencia hai esperanzas de que o peón entenda que fixo algo mal, para que no futuro evite repetir’. Educar e corrixir é a primeira opción. Só despois, multar.

Nunha cidade ‘pequena pero asediada por vehículos, hai que ser menos belixerantes cos viantantes que cos condutores imprudentes’. En ocasións, porén, ‘non hai máis remedio que sancionar’. Trátase daquelas situacións nas que cruzar indebidamente provoca accidentes, ou desencadea unha situación de risco, ou o peón resulta reincidente. Cando non reincidente ‘e ao tempo arrogante’, sinalan dende a Policía Local. Diante dun cadro así o regulamento contempla multas de entre 30 e 60 euros.

‘A Policía Local ten autonomía e descarta políticas punitivas’

‘Na cidade advertimos dinánicas propias, distintas ás do resto da comunidade, ou incluso do país, porque aquí os atropelos tenden a diminuír’, sinala un portavoz da Policía Local. Por esa razón ten menos sentido aínda ‘emprender unha política sancionadora’. Descártase calquera campaña nesa dirección porque entre outras cousas ‘a Policía Local posúe autonomía para organizar o tráfico de Ourense segundo os seus criterios’.

Estatisticamente, o maior número de atropelos con causa de morte ocorren fóra do casco urbano. Este año houbo xa dous, en 2008 cinco e en 2007 otros tantos. Fontes da Subdelegación do Goberno consideran que unha parte ben significativa acontecen polo desdén con que determinados peóns ‘tratan o feito de facerse ver en condicións de baixa visibilidade’. Dende hai varios anos, a subdelegación impulsa unha campaña que busca concienciar aos viandantes de que é importante destacarse cando se camiña por estrada.

Non semella insignificante, dado que a mortaltade en peóns incumbe basicamente a persoas maiores, a circunstancia de que ‘en Galicia exista a tedencia a vestir roupa escura cando se chega a certa idade’.

Te puede interesar