Elba Pedrosa: "O machismo é unha estrutura aprendida de pequenos, tanto homes como mulleres"

Elba Pedrosa.
photo_camera Elba Pedrosa.
Elba Pedrosa é autora de "Agora que cala a noite"

Elba Pedrosa (Santa Cruz de Tenerife, 1973) defende que mulleres e homes deben participar na consecución da igualdade de xénero. Recoñece que o feminismo logrou cambios, pero aínda “quedan moitos” por diante. Esta semana presentou na librería Eixo da cidade o seu último libro, “Agora que cala a noite”, no que presenta tres relatos entrecruzados sobre a violencia machista.

As protagonistas da novela son mulleres?

A novidade desta novela é que se cruzan voces de homes e mulleres. Todos temos que ter voz para chegar á igualdade e para erradicar a violencia de xénero. Temos que escachar coas estruturas, con isto de que as cousas teñen que ser dun modo específico.

Cando aprendemos esas estruturas?

Xa de pequenos nolas aprenden, e logo as levamos toda a vida enriba e pensamos que todo é así. Pero sucédenos tanto ás mulleres coma aos homes, por iso tamén teñen que tomar parte en darlle á volta a esta situación.

A violencia machista afecta a todos.

Si. Ás veces pensamos que a xente dun nivel socioeconómico ou cultural determinado non se ve afectada, pero non é certo, está en todos os estratos.

Ás veces parece que avanza na súa erradicación, outras veces non. Que pensa?

A miña opinión é que camiñamos cara adiante, pero é un camiño tan longo que aínda queda moito. Datas como o 25N deben estar presentes porque son unha oportunidade máis para facer cousas, para concienciar á poboación. Esta é unha loita polo poder, como todas as loitas. Dende as nosas orixes todas as loitas, todas as guerras, son polo poder. Basta con ver o que está pasando ao noso arredor. 

A mesma situación das mulleres non é igual en todo o mundo.

É un tema mundial, claro, é un tema de sometemento, de escravitude, de machismo, de violencia. A lexislación de cada país se recolle dende unha realidade que tamén ten moito que cambiar. Quenes son os que fan as leis? Que estruturas mentais teñen? Cren na igualdade? 

Falta unha mirada feminista?

Eu creo que como autora teño unha misión, coma o resto de xente que traballa nisto, porque temos voz. Sempre lle pregunto á xente se é feminista, e moitas veces a resposta está chea de dúbidas, din que cren na igualdade… Iso o que amosa é que a xente non sabe o que é feminismo, por iso sempre lles digo que o busquen no diccionario e que, unha vez o saiban, seguimos a falar. Pero para iso hai que ter a vontade de aprender, de cambiar estruturas.

Semella que as novas xeracións rachan con estas estruturas.

Por unha parte parece que si, pero por outra, os datos amosan que non, que hai novos modos de control a través das redes, dos móbiles… Hai que ter en conta que a rapazada escoita certo tipo de música con certas letras. Esas cousas quedan agochadas na memoria emocional, e así é como se forxan esas estruturas que normalizamos.

Cre que é posible un cambio a medio curto prazo?

A curto prazo é un pouco máis utópico, pero a medio ou longo si porque imos dando pasiños e subindo chanzos. A sociedade está máis concienciada, pero vai custar, hai moitísimos intereses polo poder, porque o machismo é unha cuestión de poder.

Te puede interesar