“Estas eleccións son unha liberación tras a marxinación de 3 anos da xunta”

Francisco Rodríguez, nos soportais da Casa Consistorial de Ourense.
O Concello de Ourense que Francisco Rodríguez preside dende o ano 2007 acaba de escomenzar o novo curso político influído pola convocatoria dunhas eleccións autonómicas que lle repercutirán, e moito; pola necesaria execución dunha serie de proxectos clave para a cidade que aínda se lle resisten e por unha situación económica que se agrava e onde a falta de compromiso doutras administracións obriga a reorientar partidas presupostarias e ata sacar de onde non hai, segundo as súas propias palabras. Con todo, di que aínda ten na carteira un bó paquete de obxectivos que están a piques de saír e dar pulo á cidade das Burgas.
Estes días xa puxo o grito no ceo contra a Xunta e o Goberno central. ¿É tan duro o regreso ó novo curso político?

Si, e a primeira decepción chegou co anuncio do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, sobre o AVE. É moi difícil entender como, se nos últimos anos estaba moi pendente da chegada en 2015, como mandaban os Pactos do Obradoiro, agora anuncia que será para 2018 e non pasa nada; non vin que aqueles que clamaban contra o retraso, agora calen. E logo está o adianto electoral, que todo o mundo sabe por que se produce e que responde a unha imposición de Rajoy, pero que tamén demostra que, pese á súa estabilidade, o Goberno de Feijóo xa non ten nada que ofrecer. Na cidade de Ourense, dende logo, foron catro anos perdidos.

¿Cáles son, pois, para vostede, as causas dos anos perdidos co Goberno de Feijóo?

O máis importante, pensando na actividade social, foi a liquidación da dependencia e o recorte dos servicios sociais, e que os rapaces teñan dificultades para adquirir libros, entre outras moitas cousas. Eso en xeral, pero na cidade foi unha catástrofe, e ademáis co agravante de que había promesas escritas e publicadas de compromiso con Ourense. Pense que a ampliación do Hospital está como hai catro anos, os centros de saúde comprometidos no Couto e O Vinteún seguen como en 2009, namentras o Concello xestionou os terreos que se lle pediron e urbanizou incluso o do Vinteún. No do Couto é sorprendente que licite o aforro enerxético e mantemento antes de licitar a obra, e dende logo non presentou proxecto. Ademáis, é sangrante que nunha cidade cun número de parados tan importante -o 40%, porque é a únicade cidade da provincia-, o último convenio de cooperación para fomento de emprego pasase de 500.000 a 45.000 euros. Anos antes había millón e medio. Así as cousas, a única inversión da que Feijóo pode facer gala nesta cidade foi o ultimo tramo da variante Este, programada e licitada de antes e que inaugurou hai uns días.

A integración da alta velocidade en Ourense e a estación intermodal son os únicos tramos e proxectos sen licitar e, incluso, sen definir, na chegada do AVE a Galicia. ¿Por qué tanta demora? ¿Ten noticias vostede de como se vai afrontar esa conexión?

A primeiros de xullo chamoume o secretario de Estado de Infraestructuras, Rafael Catalá, disculpándose polo retraso e comunicando que pedira informe ós técnicos sobre o modelo de integración. Dixo que falariamos de novo cando o tivera. Ata hoxe. Pero non debería ter que examinar moito nin haber tanto retraso porque os técnicos que fixeron a proposta de cobertura parcial das vías son os mesmos que agora teñen que voltar a informar. E se consideraron que aquela solución era a máis convinte, agora dirán o mesmo. Está claro que é unha maniobra dilatoria auspiciada sobre todo pola Xunta de Galicia, coa que non fumos capaces de consensuar ese convenio para o seguimento das obras do AVE, imprescindible para sacar adiante esta infraestructura, que inclúe o compromiso dunha nova estación de autobuses.

Neste contexto de situación económica, ¿tería o Concello que renunciar a unha estación intermodal emblemática?

A ver. A estación responde a uns criterios de necesidades ferroviarias e urbanísticas pero o coste do diseño do edificio de Norman Foster non é o tema. Non cobrou máis ca outro porque esto era un concurso público. Agora é cousa de Adif. Se hai que facer axustes, veranse, pero nós non podemos renunciar a esa estación, que resolve o problema urbanístico dunha zona importante da cidade. E que o edificio o diseñe Foster é un valor engadido.

Segue parado o Centro de interpretación de parques naturais. ¿Mantén vostede a intención de pedir a reversión do solar se non se continúan as obras?

Nunca entendemos o por que dese parón. A única explicación que nos deu a Xunta, que non pon un duro na obra, é que cando se rematase, no 2014, non tería cartos para mobiliario. Pero teremos que rematalo igual, porque ademáis a inversión asúmese nun 70% con fondos europeos e se non se remata en prazo, habería que devolver os cartos. Feijóo non quixo finalmente firmar un convenio que era unha simple modificación de anualidades.

¿Cómo repercutiu a reducción de axudas autonómicas ó fomento de emprego e nos servicios sociais?

Hai unha realidade. A administración municipal ten unha merma de ingresos notable e ó baixar a aportación da Xunta, o Concello queda cunha dificultade moi importante. Por exemplo, o ano pasado colaboramos cos pais nos comedores e atendemos a máis de 500 familias. Este ano temos o doble de demanda, polo que a maiores do presupostado para este servicio, faríannos falta 300.000 euros. E de ónde os detraemos? E así cos libros de texto, e con moitas cousas máis, que non son obrigas directas do Concello. E non lle digo nada se falamos de dependencia ou axuda a domicilio. Esa descarga de responsabilidades por parte da Xunta, que mira para outro sitio e gasta os cartos en propaganda, vai ós concellos.

A primeira cidade que visitou Feijóo tras ser elixido presidente en 2009 foi Ourense. ¿Cómo foi entón e como é agora a relación institucional do Concello co presidente galego?

Daquela amosou unha vontade de colaboración extraordinaria. Pero aquela ilusión que nos xerou se transformou en decepción, sentímomos enganados. Dixo que no 2010 estarían os centros de saúde e en marcha a remodelación do CHUO pero non houbo nada na práctica.

Pese a eso, ¿cáles son os obxectivos do Concello para este novo curso?

Témolos e son ambiciosos. Por exemplo, está a piques de rematar o prazo de licitación para a construcción da nova depuradora de augas residuais, clave para a cidade; a apertura do Banco de España, que será un lugar de encontro para os cidadáns; están a comezar as obras do Claustro de San Francisco; estamos coa redacción do proxecto do Bulevar Termal; e nas vindeiras semanas recibiremos o proxecto do novo Plan Xeral, que se remitirá á Xunta antes da aprobación inicial, que será a finais de ano. E todo sen axuda da Xunta, só do anterior Goberno de España. A Xunta, en obra nova, cero euros.

Te puede interesar