Directora Xeral de Calidade da Vivenda

Encarna Otero: ‘Vivenda ten boa relación cos constructores’

Encarna Otero. (Foto: Archivo)
A directora xeral de Calidade da Vivenda, Encarna Otero, sostén que, aínda que algúns constructores ‘fan moito ruido’, outros están de acordo coas Normas do Hábitat.
Transcurridos pouco máis de dous meses da entrada en vigor das Normas do Hábitat, a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, analízaas polo miudo no Foro La Región.

¿Que necesidades motivaron a creación das Normas do Hábitat Galego?

Había unha necesidade legal. Dende 1991, varias directivas europeas facían referencia á mellora das condicións constructivas ou ás de aire, sol... Por outra parte, a normativa existente non contemplaba a Lei sobre Barreiras Arquitectónicas: por exemplo, que o ascensor chegase dende o garaxe ó baixo cuberta. E o anterior decreto tamén tiña unhas condicións moi obsoletas. Asimesmo, as condicións de vida das persoas e a estructura familiar mudaron moito; hoxe hai moita máis xente maior. E xa en case tódolos países europeos o espazo habitable está fixado en 40 metros cadrados como mínimo. Por estes motivos, foi vontade da conselleira crear unha Dirección Xeral de Calidade e facer un Plan Galego de Calidade.

Nos dous meses dende a súa aprobación, ¿estanse a notar as melloras?

Xa hai unha grande cantidade de consultas. Moitos particulares están interesados nas Normas do Hábitat, queren saber como facer a rehabilitación ou as condicións que ten que ter a vivenda cando a compran. E o Instituto Galego de Vivenda e Solo, nas vivendas de promoción pública do módulo de VPP, xa cumple as Normas do Hábitat. A xente tamén nos fai moitos comentarios sobre a mellora das condicións de luz ou aire, a utilización das augas grises ou o ascensor. Neste sentido, hai un problema grave na vivenda construida nos anos 60, nas cidades sobre todo, porque non se preveía que se puxera ascensor e agora non hai onde poñelo, polo que hai xente que queda inmobilizada.

¿Mellorou a relación cos constructores, que se opuñan?

Teñen dúbidas técnicas, pero a consellería mantén boa relación cos constructores, tanto en rehabilitación como en obra nova. Aínda que algúns promotores ou constructores fan moito ruido, outros veñen e nos din que están de acordo, porque lles interesa a calidade das vivendas que venden e queren que os seus clientes queden satisfeitos.

Os constructores tamén aseguraron que o prezo ía subir ata un 25%.

A conselleira comenta en moitas ocasións que nunca a vivenda foi tan cara e, nalgúns casos, tan mala. O problema é que o prezo da vivenda non está en función do custe da construcción, senón da capacidade da xente de endebedarse para pagala.

¿E os desencontros coa Fegamp?

Creo que aí houbo un problema político, á marxe das normas. Non é que este decreto lles quite competencias ós concellos, senón que se lles transfiren máis. Por outra banda, a consellería habilitou unha liña de axudas de un millón de euros para contratar persoal técnico nos concellos, ata un máximo de 22.000 euros, e xa temos máis de 100 solicitudes.

Te puede interesar