Os escolares de Ourense interésanse pola ciberseguridade e as adiccións

González e Blanco (no centro), durante a reunión.
photo_camera González e Blanco (no centro), durante a reunión.
Son as principais temáticas elixidas polos alumnos nas 624 charlas da Policía Nacional e a Garda Civil

Os axentes especializados da Policía Nacional e a Garda Civil desenvolveron 624 actividades formativas na provincia en 2023. É un dos datos que deu a coñecer onte o delegado do Goberno, Pedro Blanco, quen visitou a Subdelegación do Goberno de Ourense para presidir a reunión de seguimento do Plan de Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar. Oito de cada dez centros educativos ourensáns (o 83%) solicitaron estas charlas de sensibilización, o que supón un total de 158 colexios e institutos participantes.

A temática máis solicitada foi a ciberseguridade, seguida das charlas que abordaron o acoso escolar. As adiccións (a drogas, xogo ou tecnoloxía) e a violencia sobre a muller ocuparon, respectivamente, a terceira e cuarta posición, tal e como debullou Pedro Blanco, quen estivo acompañado polo subdelegado do Goberno, Emilio González, e outras autoridades e representantes policiais.

Blanco anunciou que se estenderá ás outras tres provincias galegas unha iniciativa que foi posta en marcha en Ourense, onde as charlas de sensibilización sobre violencia de xénero inclúen ocasionalmente a testemuña de mulleres que foron vítima de abusos e violencia machista. Trátase dunha aposta da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación que se valora exitosamente. Pedro Blanco remarcou que “a experiencia amosou que a participación das vítimas tiña un gran impacto sobre o alumnado, e é a nosa intención a de levar esta iniciativa de Ourense ó resto de Galicia”.

Por outra banda, o delegado tamén anunciou que se intensificará a colaboración dos concellos no desenvolvemento deste plan, que se aplica a nivel galego. Segundo trasladan dende a Delegación, esta cooperación materializarase coa incorporación das policías locais dos concellos que o desexen ao desenvolvemento das actividades de sensibilización e vixilancia en contornas escolares. “Trátase de traballar conxuntamente pola seguridade dos colexios e institutos, polo que a participación das policías locais será moi positiva”, manifestou Blanco.

En 2023, o traballo preventivo do plan tamén contou con case 4.000 vixilancias intensivas na contorna de 171 centros educativos da provincia. Estas actuacións foron desenvolvidas por axentes da Policía Nacional e da Garda Civil.

Te puede interesar